Skip to main content

A singularidade arqueolóxica e antropolóxica da necrópole da Lanzada ve a luz grazas a unha investigación do grupo EcoPast

Zaira García López e Antonio Martínez Cortizas avalían a estratigrafía dun Necrosol
Zaira García López e Antonio Martínez Cortizas avalían a estratigrafía dun Necrosol
A prestixiosa revista Scientific Reports publica un estudo deste grupo de investigación da USC que achega novas perspectivas para a análise dos solos cemiteriais
Santiago de Compostela

Comprender a unicidade da necrópole da Lanzada e afondar no coñecemento do proceso de formación do ‘necrosol’, o tipo de solo existente nas superficies que foron empregadas como camposanto, é posible grazas a un estudo recente do grupo de investigación EcoPast da USC.

Un equipo investigador conformado por Zaira García López, Antonio Martínez Cortizas, Noemi Álvarez Fernández e Olalla López Costas, analizou dende unha perspectiva multidimensional o chan desta coñecida necrópole situada no concello de Sanxenxo para dar a coñecer as características que singularizan o lugar e tamén o valor que este tipo de solos ofrecen cara á investigación arqueolóxica, antropolóxica e edafoxénica. 

Os resultados da súa investigación, que conta con financiamento das deputacións de Pontevedra e A Coruña, foron recollidos no último número da revista Scientific Reports. Así, o artigo Understanding Necrosol pedogenetical processes in post-Roman burials developed on dunes sands (Comprender os procesos pedoxenéticos do necrosol nos enterramentos posromanos desenvolvidos en áreas dunares) dá conta dos traballos efectuados en dous dos enterramentos da Lanzada e amplía a información sobre os procedementos útiles para a identificación de foxas. Canda a detección no incremento de fósforo, unha das técnicas máis habituais na localización de enterramentos, as autoras apuntan que “hai catro procedementos máis nos que se debería poñer un foco de atención. Un deles, –a descalcificación–, sería específico de solos dunares como o que se atopa na Lanzada, pero os outros procesos –melanización, acidificación e neoformación de minerais secundarios– serían comúns co resto de 'necrosois' do mundo. Tendo en conta que, en Galicia, debido á acidez do solo non se conservan moitos restos óseos das necrópoles descubertas, este tipo de traballo intenta abrir unha liña de investigación que nos permita achegarnos á realidade dos nosos antepasados”. Cara a este fin encamíñase a tese doutoral da investigadora Zaira García López, primeira asinante do artigo.

Ao afondar nas transformacións que o solo experimenta por mor do contacto secular cos ósos soterrados, a investigación interdisciplinaria desenvolvida polo grupo EcoPast permite aplicar os resultados a casos forenses para saber se nalgunha área se depositou un corpo en descomposición e mesmo describir o ritual de inhumación que seguiron os habitantes da Lanzada no século VI d. C

No artigo, as autoras apuntan que “malia que os nosos resultados son prometedores e proporcionan unha explicación axeitada para outras observacións, necesítanse máis estudos que consideren diferentes marcos cronolóxicos e materiais parentais para entender mellor a formación do necrosol”.

O recente estudo supón unha actualización dos traballos científicos promovidos pola Deputación de Pontevedra na necrópole da Lanzada, obxecto de escavacións en 2010, 2017 e 2021, que permitiron detectar 17 esqueletos e máis de 15.000 pezas arqueolóxicas, identificar restos de vivendas e instalacións produtivas, alén de coñecer a extensión do asentamento humano no lugar.

The contents of this page were updated on 08.18.2022.