Skip to main content

O Ibader traballa na conservación de hábitats das illas Cíes, Ons e Sálvora fronte ao cambio climático co Life Insular

Belén do Campo, Javier Arias, Ángeles Vázquez, Antonio López, Pablo Ramil e Antonio Iglesias, na sede do Ibader
Belén do Campo, Javier Arias, Ángeles Vázquez, Antonio López, Pablo Ramil e Antonio Iglesias, na sede do Ibader
A USC lidera o proxecto europeo de restauración de dunas e hábitats en 5 illas atlánticas de España e Irlanda, segundo avanzaron este luns o reitor Antonio López e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na sinatura do convenio para un programa que tamén prevé intervencións na illa canaria de La Graciosa e en Irlanda e que conta cun investimento de preto de 5,3 millóns de euros ata finais de 2026
Lugo

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus de Lugo da USC traballará a prol da mellora da conservación dos hábitats das illas Cíes, Ons e Sálvora e da súa adaptación fronte aos efectos derivados do cambio climático ao abeiro do programa Life Insular. O reitor da USC, Antonio López, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez Mejuto, asinaron este luns na sede universitaria luguesa o proxecto transnacional, coordinado pola USC e dotado cun orzamento de 5.274.92 ata decembro de 2026, que, ademais das actuacións previstas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, tamén contempla outras intervencións na illa La Graciosa, no arquipélago canario, e no propio territorio insular de Irlanda.

Antonio López salientou a “dimensión transcendental” deste Life, do que Galicia e nomeadamente o patrimonio natural, será o seu principal beneficiario. Agradecido pola colaboración recibida da Xunta de Galicia, o reitor da USC tamén fixo fincapé no importante labor de I+D+i que se desenvolve no Ibader, cuxa actividade está perfectamente aliñada coas liñas estratéxicas do Campus Terra, dixo. A

O obxecto do programa Life no que colaboran España e Irlanda pasa por implementar e poñer en marcha nos territorios afectados polo proxecto unha estratexia integrada de xestión sustentable dos hábitats insulares integrados na Rede Natura 2000, a fin de avanzar na restauración das paisaxes naturais que presentaban estas illas galegas hai medio século no marco desta iniciativa europea.

O Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de España, Grupo Tragsa, e o Departamento de Vivenda, Goberno Local e Patrimonio de Irlanda e a compañía forestal estatal irlandesa Coillte tamén figuran como socios beneficiarios do Life Insular, que recibe da UE, a través do programa Life, 3,95 millóns de financiamento. A Xunta de Galicia achega a esta actuación 750.000 euros, dos que un 40% se corresponden con gastos en investimentos.

A estratexia que desenvolverá o Life Insular para acometer a restauración integrada de dunas grises e matogueiras secas nas cinco illas atlánticos obxecto do proxecto prevé ampliar a superficie cuberta por dunas e matogueiras mediante a eliminación de antigas plantacións forestais, así como a través da erradicación e control doutras especies exóticas invasoras. A mellora das perspectivas de futuro deste tipo de paisaxes nas illas mediante a aplicación de medidas protectoras e de defensa fronte a presións antropoxénicas, ademais da sensibilización, formación e concienciación sobre a importancia dos valores naturais e dos servizos ecosistémicos que prestan este tipo de hábitats son outros retos cara os que avanza o Life Insular, cuxos resultados poderían ser logo aplicables noutras rexións europeas.

O director do Ibader, Pablo Ramil Rego, quen salientou que que este novo Life permitirá ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC dar continuidade ao labor que desenvolve desde hai décadas a prol da conservación do medio natural, ademais de reforzar a súa pegada internacional e a do Campus Terra da USC, tamén estivo presente na sesión de presentación do convenio, un acto no que, entre outros, tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén do Campo, e o propio secretario do Ibader, Antonio Iglesias Becerra.

The contents of this page were updated on 08.29.2022.