Aberto ata o 15 de outubro o prazo para concorrer ao Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a USC, a través da Oficina de Igualdade de Xénero, convoca o IV Concurso de Relatos Curtos contra a Violencia de Xénero, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade. Dirixido a todo o alumnado das titulacións de grao, mestrado e doutoramento, matriculado na USC no curso 2022-2023, o certame abre o seu prazo de admisión de orixinais ata o vindeiro 15 de outubro
Os traballos presentados deben ser relatos curtos en galego e en formato PDF, orixinais inéditos, cunha extensión máxima de 1000 palabras (incluído o título) e temática relacionada coa violencia contra as mulleres. A presentación dos relatos debe realizarse a través da Sede Electrónica da USC, premendo nesta ligazón.