Skip to main content

As políticas agrarias e demográficas na España vaciada, a debate nun foro sobre medio rural

21/09/2022

O presidente de SEIAF, Andrés Osoro, moderará, a partir das 16.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués unha sesión na que intervirán como relatores docentes da USC e da Universidade de Oviedo, así como representantes políticos de concellos galegos e asturianos

Unha vaca de raza Rubia Galega. Foto: Santi Alvite
Unha vaca de raza Rubia Galega. Foto: Santi Alvite

O ciclo de conferencias ‘O futuro do medio rural no noroeste peninsular’, unha iniciativa promovida pola Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF) en colaboración co Campus Terra da USC, continúa este mércores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría dunha nova sesión de debate na que docentes da USC e da Universidade de Oviedo, así como representantes políticos de entidades locais de Galicia e Asturias, achegarán os seus respectivos puntos de vista respecto das políticas agrarias e demográficas na chamada España vaciada.

O alumno da EPS de Enxeñaría e presidente da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF), Andrés Osoro, moderará, a partir das 16.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués, esta nova sesión do ciclo ‘O futuro do medio rural no noroeste peninsular’.

O profesor da Universidade de Oviedo Jesús Arango abrirá a quenda de intervencións coa charla ‘Espazo e economía rural na España atlántica’. De seguido, a docente da USC Mar Pérez Fra falará sobre o cometido da PAC nas áreas rurais. A deputada de Medio Rural no goberno do Principado de Asturias, Alba Álvarez, pechará esta primeira quenda de intervencións cun relatorio sobre as políticas rurais propostas en Asturias.

A xornada continuará logo dun breve receso coas charlas ‘Taramundi, un exemplo pioneiro en turismo rural’, a cargo de Eduardo Lastra e César Villabrille, do Concello de Taramundi; ‘Políticas aplicadas no Concello da Veiga (Ourense) para o reto demográfico’, da man de Juan Anta Rodríguez, e ‘Perspectivas globais e locais para un reto demográfico’, a cargo do profesor da Universidade de Oviedo Alfredo Fernández.

 

The contents of this page were updated on 09.20.2022.