Skip to main content

A USC pon en valor a perspectiva de xénero na xustiza penal e na representación feminina no folclore galego

Foto de familia de autoridades e premiadas. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia de autoridades e premiadas. FOTO: Santi Alvite
A ollada crítica de Cristina Alonso Salgado sobre o caso Wannikhof e o estudo das Pandereteiras de Mens que realizou Beatriz Busto Miramontes foron os traballos distinguidos co primeiro premio no marco dos galardóns que a Universidade outorga en materia de introdución da perspectiva de xénero
Santiago de Compostela

As profesoras Cristina Alonso Salgado e Beatriz Busto Miramontes foron recoñecidas este xoves 22, no marco da entrega dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na USC que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Alonso Salgado foi distinguida co primeiro premio na modalidade de docencia polo proxecto ‘Perspectiva de xénero e sistema de (in)xustiza penal: unha ollada crítica a través do caso Wannikhof’; mentres que Busto Miramontes recibiu o premio, no apartado de investigación, por ‘O inicio da (re)presentación feminina no folclore galego: Pandereteiras de Mens’. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López, quen  subliñou a necesidade de seguir loitando a prol da igualdade xa que isto é algo “transversal e que nos incumbe a todos”.

No acto tamén interveu a delegada do Reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro, quen antes de dar lectura á acta do xurado, destacou a relevancia da colaboración entre institucións que traballen “conxuntamente nunha loita urxente”, dixo. Na mesma liña, pronunciouse a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, ao cualificar a sesión como “un acto reivindicativo” e poñer o foco en como as persoas que traballan en prol da igualdade atópanse cada día con novos e máis complexos retos. Pola súa parte, a concelleira responsable de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local do Concello de Santiago de Compostela, Marta Abal, destacou que a “a fenda machista segue existindo” e profundou nas dificultades de incorporar a perspectiva de xénero á vida social.

Ao recoller o galardón, Cristina Alonso Salgado, lembrou o seu alumnado de terceiro curso na materia de Dereito Procesal Penal por abordar “cos ollos anegados de xustiza” o caso Wannikhof e por entender, ademais, “que hai persoas que atravesan as leis pero que tamén hai leis que atravesan as persoas”. Pola súa parte, Beatriz Busto Miramontes destacou como a investigación pola que foi premiada “demostra que as mulleres da nosa tradición oral non son só tocadoras e cantadoras, senón tamén, poetisas, creadoras, parte do proceso de composición”.  

O segundo premio na modalidade de docencia foi para a profesora Rocío García Pedreira pola súa experiencia ‘Medidas e actividades para a inclusión da perspectiva de xénero na docencia de materias de literatura do Grao en Educación Infantil (2021/2022); mentres que o terceiro galardón distinguiu o traballo ‘Tecnoloxía educativa con lentes violetas’ de Uxía Fernández Regueira, Adriana Gewerc e Ángela González-Villa.

O segundo premio en investigación foi outorgado ao traballo ‘Científicas fronte ao coronavirus en Wikipedia’ de Encina Calvo Iglesias; mentres que o terceiro concedeuse ás profesoras Alba Alonso Álvarez e Julia Espinosa Fajardo por ‘Blitzkrieg against democracy: gender equality and the rise of populist radical right in Spain’.

Dada a cantidade de propostas recibidas, o xurado decidiu facer dúas mencións especiais, sen dotación económica, aos traballos do equipo de Emilia Vázquez Rozas, pola súa investigación ‘Estudo sobre senfogarismo feminino e violencia de xénero en Galicia’ e a ‘Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán’ de María López Sández e Marilar Aleixandre.

Máis candidaturas

O xurado dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na USC resolveu a que xa é a súa décimo terceira convocatoria amosando “a súa satisfacción polo crecemento exponencial de candidaturas presentadas aos premios, sobre todo no seu apartado de investigación”, ámbito no que se duplicou o número de proxectos. As profesoras Ana María Porto Castro, Elena Freire Paz, Julia González Álvarez, Elena Vázquez Abal e Marta Pérez Pereiro foron as integrantes do xurado. No eido da docencia, no que se presentaron catro candidaturas, o xurado destacou a importancia de que concorran propostas en áreas do coñecemento como a robótica “nas que a perspectiva de xénero ten unha implantación máis recente e nas que hai aínda un camiño longo por percorrer”.

Ademais, o xurado animou a que o profesorado da USC desenvolva actividades docentes nas que se inclúa a perspectiva de xénero “mesmo en experiencias piloto, para ir mellorando este aspecto na oferta docente da Universidade”. Algúns dos estudos, en concreto de Psicoloxía, Filoloxía e Lingüística, Medicina, Educación e Pedagoxía, Historia da Arte, Ciencias da Computación, Historia, Física, Filosofía, Socioloxía, Economía e Ciencia Política e Dereito e Criminoloxía teñen unha guía para unha docencia universitaria con perspectiva de xénero en galego para axudar ao deseño dun currículo académico que introduza esta perspectiva. Pode accederse ás guías nesta ligazón.   

As propostas no eido da investigación caracterizáronse nesta edición por duplicar a participación de anos anteriores. Presentáronse 18 traballos de áreas moi distintas, aínda que a maioría forman parte de diversos campos de estudo das Ciencias Sociais. A meirande parte das investigacións candidatas presentaban unha publicación en revistas científicas de alto impacto, pero tamén en formato libro de divulgación ou informes para institucións. “A cantidade e calidade dos traballos demostra un interese crecente pola aplicación da perspectiva de xénero nos temas de investigación, nas metodoloxías e na aplicación dos resultados”, sinala o xurado.

Acción consolidada

Esta é unha acción consolidada dentro das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero en dúas das principais facetas da actividade universitaria en materia de xeración e difusión de coñecemento, a docencia e a investigación.

A convocatoria foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de medio centenar de toda a Unión Europea. Esta práctica está incluída na ferramenta en liña GEAR tool que serve de apoio a organizacións investigadoras como as universidades para a creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

The contents of this page were updated on 09.22.2022.