Mostra inscrita na sección de exposicións temporais do programa Contornos da Facultade de Filoloxía.

John Berger abre o seu coñecido libro de ensaios Ways of Seeing (1990) expoñendo como a vista chega antes que as palabras, de igual modo que as crianzas observan, recoñecen e, só despois, falan.
A exposición Unha imaxe e mil palabras, inscrita no programa de exposicións artísticas da Facultade de Filoloxía, nace desta apreciación e pretende constituir un exemplo da importancia de utilizar o discurso visual para comunicármonos de xeito máis efectivo. A mostra supón o primeiro proxecto expositivo de Jorge Rodríguez Durán como artista gráfico e deseñador e nel é posible apreciar unha evolución técnica e estilística, aínda que mantendo a aposta polo equilibrio entre o uso da linguaxe visual como elemento central no deseño e o apoio ao texto escrito cando se require. O conxunto de carteis que integran a mostra funcionaron como un acompañamento visual ás actividades organizadas polos equipos do grupo de investigación Discurso & Identidade da Facultade de Filoloxía dende o 2016 ata a actualidade. Estes obxectos estéticos e artísticos permiten poñer en valor o deseño gráfico como arte para o mundo contemporáneo.
A mostra será inaugurada o vindeiro xoves, día 29 de setembro, ás 12.00 no segundo andar da Facultade de Filoloxía, e poderá visitarse no primeiro e segundo andar da facultade entre os días 29 de setembro e 30 de novembro de 2022.