Primeira edición dos Premios a TFG e TFM para a mellora da calidade de vida das persoas maiores
A primeira edición do Premio a traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado para a mellora da calidade de vida das persoas maiores estenderase ata o vindeiro luns 10 de outubro dirixido a alumnado que teña defendido un TFG ou TFM sobre esta temática nos cursos académicos 20/21 ou 21/22. Esta convocatoria da Cátedra Cruz Vermella da USC destacará aquelas propostas que estuden ou analicen aspectos da calidade de vida ou do benestar en persoas maiores adultas, dende múltiples perspectivas como a da saúde, a economía, as relacións ou a integración social, entre outros exemplos. Tanto se son traballados de graos como de mestrado, deberán ter sido defendidos antes unha comisión de avaliación e acadar unha cualificación mínima de 8 puntos
Para os traballos defendidos, tanto os correspondentes ao curso 20/21 como ao 21/22, haberá un premio de 300 euros para o TFG e de 500 para o de mestrado, ademais de diploma acreditativo de accésit de honra aos traballos que acaden a puntuación inmediatamente anterior á obtida polo traballo gañador en cada modalidade e ano académico. A convocatoria completa das bases pódese consultar na sede electrónica da USC.
O xurado encargado de avaliar as distintas candidaturas terá como criterios de valoración a achega significativa ao coñecemento da materia estudada (30% da cualificación total), calidade da metodoloxía empregada (30%), actualidade e orixinalidade do traballo (20%), calidades formais do texto (calidade da redacción, xeito de presentar e estruturar a información e calidade do apartado gráfico no caso de existir, 10%) e relevancia e actualidade das referencias bibliográficas (10%).