Skip to main content

Unha obra de Díaz-Fierros compila “razóns e paixóns” que alimentan o debate sobre o eucalipto en España

O profesor emérito da USC, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, asina o volume 'Eucaliptos en España. Razones y pasiones'. Foto: Santi Alvite
O profesor emérito da USC, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, asina o volume 'Eucaliptos en España. Razones y pasiones'. Foto: Santi Alvite
Francisco Díaz-Fierros Viqueira presentou Eucaliptos en España, un diálogo entre argumentos xa asentados e novos puntos de vista que, nos últimos anos, foron xurdindo ao redor da polémica figura do eucalipto

“Logo de máis de 70 anos de estudos e investigacións aínda existen moitos puntos de desacordo sobre esta árbore”. Así explica o profesor emérito da USC, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, a necesidade dunha obra como Eucaliptos en España. Razones y pasiones, na que propicia un diálogo entre argumentos xa asentados e novos puntos de vista que, nos últimos anos, foron xurdindo ao redor da polémica figura do eucalipto. A obra foi obxecto dunha presentación pública este venres 14 no Colexio de San Xerome na que interviñeron o reitor Antonio López, o autor e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco.

O tema recompilado nas páxinas deste volume é, en opinión do seu autor, unha cuestión “moi complexa e unha temática non pechada”, na que o debate público non alcanzou acordo e no que se manifestan “posturas opostas lexítimas”. Nas súas propias palabras, o eucalipto “é a árbore da discordia” arredor da que existe unha inxente cantidade de publicacións das que o profesor Díaz-Fierros bota man para desenvolver a súa reflexión sobre o tema, enriquecéndoa con aspectos diversos que se teñen sumado ao debate da cuestións nos últimos anos, como o desenvolvemento do cambio climático, a importancia dos movementos ambientalistas ou o movemento CTS.

Na presentación o reitor salientou a capacidade reflexiva que achega este título no mellor entendemento dunha cuestión sempre aberta ao debate e fronte ao que é preciso atopar solucións. Nesta misión, Antonio López subliñou o valor do autor do libro, pola súa traxectoria científica e académica, como garantía para afrontar este debate. Nesta mesma liña, Juan Blanco cualificou o novo título como “unha obra polémica” que “cataliza masa crítica para poñer cartas arriba nun tema complicado”.

A obra

Achegar ao debate do eucalipto una perspectiva racional, desapaixoada e aberta ao entendemento foi a meta que se propuxo o autor a través das 234 páxinas que integran un volume estruturado en tres apartados: ‘O eucalipto en España’, ‘Relacións co medio’ e ‘Cuestións económicas, sociais e ambientais’. Na primeira parte abórdanse, entre outros aspectos, a chegada e acollida do eucalipto e o seu consumo de auga, cunha motivación de interese histórica para contextualizar a presencia desta especie no territorio. A auga tamén esta presente na segunda parte xunto co solo, a biodiversidade, os incendios forestais e o cambio climático. Finalmente, a terceira parte serve de marco para profundar na paisaxe, economía e sociedade, servizos ecosistémicos, así como as razóns e paixóns dos conflitos forestais.

Nunha posta a punto detallada en explicacións e exemplos ilustrativos dende a ciencia á política, estas páxinas pretenden, en opinión do seu autor, desmontar mitos e propoñer un enfoque actualizado, afastado de dogmatismos e posicións radicais, que se pretendan definitivos. Polo demais, a obra recolle, e reflicte, a experiencia, coñecemento e o exercicio de reflexión do autor, ante a urxencia dunha reconsideración do eucalipto e as súas relacións coa contorna e o medio natural.

Traxectoria

Francisco Díaz-Fierros Viqueira foi catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural. Autor de monografías coma As concas fluviais de Galicia. Características e riscos de contaminación difusa (1993) e O medioambiente: do control da emisión á incerteza do risco (2000), obtivo o Premio da Crítica de Galicia en investigación no ano 1997. É membro do Consello da Cultura Galega e membro numerario da Real Academia Galega.

The contents of this page were updated on 10.14.2022.