Skip to main content

Centenario Luz Pozo Garza na Cátedra Valente

11.17.2022 | 19.00h

Santiago de Compostela

A Cátedra Valente da USC conmemora o centenario do nacemento da poeta e crítica literaria galega, Luz Pozo Garza

Claudio Rodríguez Fer e Luz Pozo Garza
Claudio Rodríguez Fer e Luz Pozo Garza

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, dirixida polo escritor Claudio Rodríguez Fer, conmemorará o xoves 17 de novembro ás 19 horas na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, o centenario de Luz Pozo Garza, poeta admiradora e cantora de Valente. Abrirá o acto, en condición de vicedecana da Facultade de Filoloxía da USC, a doutora Rosa Marta Gómez Pato, profesora e estudosa de Valente, e intervirán quince especialistas na obra dos dous autores irmandados nesta xornada.

Programa do acto conmemorativo

O primeiro bloque, titulado 'Luz Valente', contará co poeta e doutor Claudio Rodríguez Fer, estudoso de Luz e de Valente e profesor da USC, quen falará de Flor e fulgor; Iria Moreiras, investigadora e docente, que se ocupará do 'Cuestionario Proust a Luz Pozo Garza'; a doutora Carmen Blanco, escritora e estudosa de Luz e de Valente e profesora da USC, que retomará o título do seu libro Luz Pozo Garza. A ave do norte; a doutora Olivia Rodríguez González, investigadora e estudosa de Luz e profesora da UdC, que retomará o título da exposición Constelación Luz que comisariou con motivo deste centenario, e a poeta e doutora Olga Novo, ensaísta e estudosa de Luz e de Valente e profesora de IES, que tratará de 'Antologar Luz'.

O segundo bloque centrarase en 'Traducir Luz', e nel intervirán a doutora pola Universidade da Alta Bretaña e catedrática de IES María Lopo, ensaísta e estudosa de Valente e tradutora de Luz ao bretón na súa antoloxía Barzhaz Bihan Galiza; a doutora pola Universidade de Bucarest e investigadora da USC Adina Ioana Vladu, poeta, estudosa de Valente e tradutora de Luz ao inglés na súa antoloxía Unha camelia / One Camellia Blossom, e a doutoranda da USC Ekaterina Yakovleva, lingüista e tradutora de Luz ao ruso, que estreará a súa versión do poema erótico 'Astrolabio'.

O terceiro bloque, titulado 'Revistas con Luz', abordará relación da poeta coa prensa literaria, comezando pola publicación Mensajes de Poesía, promovida polo poeta Eduardo Moreiras, da que se ocupará Manuel Naveira, investigador e coeditor do dita revista no Centro Ramón Piñeiro, seguido pola poeta Tamara Andrés, coeditora do mesmo medio na mesma institución, que se centrará na participación de Luz nel. Das revistas dirixidas pola propia Luz se ocuparán a doutoranda sobre as colaboracións en prensa de Luz e profesora de IES Cristina Negreira, quen se centrará en Nordés, e o doutor Armando Requeixo, crítico e estudoso de Luz e de Valente, ademais de profesor da USC e secretario do Centro Ramón Piñeiro, quen se centrará en Clave Orión, que na súa etapa final el mesmo editou. A continuación, a poeta e xestora cultural Cristina Fiaño, editora gráfica de Luz e estudosa de Valente ocuparase da presenza de Luz en Unión Libre, onde ela mesma maquetou a súa Arte epistolar.

O bloque final estará dedicado á 'Creación de Luz' e nel a xove investigadora predoutoral sobre Valente Laura Paz Fentanes, da USC, tratará da presenza do citado autor na poesía de Luz. Seguidamente, en condición de fillo de Luz, Gonzalo Vázquez Pozo, pronunciará algunhas palabras en nome da familia. Para finalizar, terá lugar un recital poético de clausura en homenaxe aos dous poetas irmandados, a cargo de Carmen Blanco, Olga Novo, Adina Vladu, Cristina Fiaño, Tamara Andrés e Claudio Rodríguez Fer.

The contents of this page were updated on 11.16.2022.