Skip to main content

Sexta edición de Ciencia Singular

A sexta edición de Ciencia Singular desenvólvese o 19 de novembro
A sexta edición de Ciencia Singular desenvólvese o 19 de novembro

Nesta sexta edición de Ciencia Singular o CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE abrirán as súas portas á cidadanía unha vez máis para celebrar o seu meirande encontro de divulgación anual, que convida a familias e visitantes de tódalas idades a achegarse á investigación de excelencia desenvolvida no ecosistema científico da Rede de Centros Singulares da USC.

Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares

Durante a xornada de Ciencia Singular, o CiQUS volverá abrir as súas portas “de par en par”. As persoas visitantes seran Detectives Moleculares por un día, así que deberán estar ben atentas para poder identificar moléculas. Ademais, estarán Infiltrados no laboratorio para coñecer in situ como traballan as científicas e os científicos do centro e conversar de primeira man con elas e eles sobre desafíos tan interesantes como os materiais grafénicos ou o uso de nano-ferramentas con aplicacións biolóxicas. Mentres tanto, os máis pequenos divertiranse Xogando coa Química, observando como brillan algunhas bacterias mediante unha proteína fluorescente, ou aprendendo os segredos da cociña molecular, entre outras sorpresas que se prepararon para a xornada.

A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos do século XXI. Cada día, o compromiso dos investigadores do CiQUS permite explorar novas aplicacións en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica), ou a industria (Materiais Funcionais, Catálise). Desde o comezo da súa actividade, no ano 2011, o centro tense consolidado como referente de investigación interdisciplinaria na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais. 

Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas

Nesta sexta edición, o CiMUS ofrecerá ás persoas asistentes obradoiros de Ciencia Divertida arredor da sáude bucodental, a observación de celulas animais e vexetais, hixiene e xeración de electricidade estática; e charlas divulgativas sobre autismo, enfermidades cardiovasculares; modificacións químicas do ARN e ritmo de envellecemento. Ademais, as persoas inscritas poderán coñecer por dentro as instalacións e os equipamentos cos que conta neste centro de investigación en Biomedicina e tomar parte dunha visita aos laboratorios da Plataforma Innopharma, a Plataforma de Cribado de Fármacos e Farmacoxenómica da USC adicada ao descubrimento de fármacos, dirixida pola Dra Mabel Loza e o Dr. Ángel Carracedo. Para completar o programa desta xornada de portas abertas o CiMUS ofrece seis obradoiros de divulgación para achegarnos á composición do cerebro, á forma na que se comunican as neuronas, á temperatura corporal, ao ritmo do corazón e a identificación de patoloxías a traves do microscopio. 

O CiMUS ten como obxectivo promover o desenvolvemento da investigación interdisciplinar no campo das ciencias biomédicas, a través da interacción e a colaboración interna e con grupos nacionais e internacionais de relevancia. Como resultado deste esforzo, no noso centro alóxanse distintos grupos cun gran potencial en investigación básica e outros cun compoñente máis traslacional, que son altamente recoñecidos nos seus campos.

A nosa actividade científica céntrase na prevención, o coñecemento e o tratamento de enfermidades crónicas nas áreas de cancro, cardio-metabolismo e Neurociencias, así como nas áreas transversais de xenómica, vehiculización de fármacos, descubrimento de fármacos e medicina rexenerativa. 

Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes

A xornada de portas abertas do CiTIUS inclúe unha visita guiada para coñecer os proxectos que se desenvolven no centro arredor da Realidade Virtual multi-persoa, a desinformación na web, exploración interactiva de datos medioambientais no proxecto RADAR-ON-RAIA, Realidade Virtual para a rehabilitación de pacientes con cancro de mama e identificación e caracterización de obxetos en nubes de puntos LiDAR. Ademais, as persoas participantes poderán asistir a conferencias divulgativas sobre o procesado intelixente de imaxes en biomedicina, da man de María José Carreira; sobre o presente e futuro da computación cuántica, con Tomás Fernández Pena, e sobre a regulación da intelixencia artificial en España e na UE e o "dereito" a unha explicación: unha introdución, con Luca Nannini. Quen queira infiltrarse no laboratorio aínda poderá competir ao Scalextric contra a Intelixencia Artificial e deixarse fascinar por Todo un mundo de robots!

O CiTIUS traballa no desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías intelixentes que integren a Intelixencia Artificial (IA) nos diferentes niveis existentes entre o mundo físico e o cognitivo. O obxectivo é tirar proveito das potencialidades da IA na resolución de problemas cada vez máis complexos e poñela ao servizo das persoas, garantindo a trasparencia e a confiabilidade. Entre as súas múltiples aplicacións figuran eidos como a saúde, a industria, o transporte ou as cidades intelixentes.

Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Pola súa banda, o IGFAE convídanos a descubrir que pode facer a física nuclear por nós, con Yassid Ayyad; os eventos máis extremos do universo, con Juan Ammerman; a emprender unha viaxe ao centro da materia, con Ana Garbayo; e a escoitar buracos negros con ondas gravitacionais, da man de Juan Calderón. Programa tamén dous obradoiros infantís: o Toupiciencia show, un  espectáculo de experimentos divertidos utilizando o método científico; e o Einstein Rocket. para experimentarmos a gravidade no espazo interestelar. As actividades para maiores animan a descubrir a radiación e os raios cósmicos; a observar o universo como un zoo ben particular e a visitar o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións. O programa complétase con dúas exposicións: unha carta de núcleos en 3D construída con pezas LEGO e outra arredor do 10º aniversario do descubrimiento do bosón de Higgs. 

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías é un centro acreditado como Unidade de Excelencia “María de Maeztu” cuxas áreas de investigación tentan responder moitas das preguntas esenciais da natureza física: o estudo da realidade microscópica a nivel fundamental (Modelo Estándar), a conexión entre física de partículas e cosmoloxía, e a estrutura nuclear e as aplicacións médicas. Desde a súa fundación, a colaboración en grandes infraestruturas internacionais como CERN forma parte do ADN do IGFAE.

The contents of this page were updated on 11.17.2022.