Casa do Saber
A Casa do Saber acollerá os días 22 e 29 de novembro dúas sesións de monólogos, a través dos que a mocidade investigadora da sede universitaria luguesa presentará os seus ámbitos de traballo e os proxectos de I+D que está a desenvolver

O evento de divulgación científica ‘DivúlgaT’ achegará á sociedade as liñas e proxectos de investigación que se están a desenvolver no Campus Terra da sede universitaria luguesa a través de súas sesións de monólogos programadas para os días 22 e 29 de novembro, a partir das 19.30 horas, na Casa do Saber, no marco das que a mocidade investigadora presentará en breves intervencións os seus respectivos ámbitos de traballo. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado.
Alejandro Cao Cancelas e Sandra Raposo García abrirán o próximo martes este menú de petiscos de divulgación científica coa exposición ‘Os perigos da auga’. ‘A morte na ría: o caso do berberecho de Arousa’, é o título do monólogo que ofrecerá María Pampín Iglesias, a quen sucederá no escenario Inés Martínez Sambade co relato ‘Detección de marcas de resistencia e parasitos en ostra plana’.
O monólogo de Fernando Vázquez Miranda ‘Pesos sentinela de canais de vacún sacrificados en matadoiro’, e os relatos ‘Que non che dean galego por francés!’, ‘Anatomía do pracer’, ‘Zombis, enfermidades e cairomonas’ e ‘Gatos, embarazadas e ratos zombis’, que terán como protagonistas a Nicolás Mejuto Vázquez, Irene Ortiz Leal, Pablo Sánchez Quinteiro e David García Dios, completan o programa da primeira sesión do ciclo ‘DivúlgaT’, un programa que promovido para divulgar a ciencia en lingua galega.
Segunda sesión
O programa do ‘DivúlgaT 2002’ continuará o 29 de novembro coa segunda e última sesión de petiscos de divulgación científica. Nerea Gandoy Fieiras abrirá o acto co relato ‘Amor a primeira vista!’, ao que seguirá a intervención de Adrián Casanova Chiclana ‘E ti de quen vés sendo?, dille o xenetista á troita’.
Os monólogos ‘Migrantes audiovisuais e redes’, da man de Daniel Manuel Vázquez Vila, e ‘Incendios forestais e herbivorismo pírico’, a cargo de María Rosa Mosquera, darán continuidade a unha sesión na que Gonzalo Pérez de Lis e Ana Paula Losada ofrecerán cadansúa charla baixo os títulos ‘As árbores non poden correr, pero si adiantar a hora’, e ‘Megaestruturas dos organismos vivos: a saúde comeza no intestino’. O monólogo ‘Unha vaca moi intelixente’, a cargo de Uxía Yáñez Ramil, completará o programa de faladoiros desta nova edición do ciclo ‘DivúlgaT’.