Skip to main content

Aberto ata o 9 de decembro o prazo para participar no décimo Concurso de postais de Nadal da Fundación USC

Cartel do certame
Cartel do certame
Está dirixido a todos aqueles nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2010 e 2019
Lugo, Santiago de Compostela

O Concurso de postais de Nadal da Fundación USC bota a andar a súa décima edición. Poderán participar no certame, ata o 9 de decembro, todos aqueles nenos e nenas nacidos/as entre os anos 2010 e 2019 (ambos incluídos). A temática da postal debe unir Nadal e deporte e, no caso de levar texto (non é obrigatorio), deberá ser en galego.

O premio consistirá nunha praza no Verán CampUSC 2023 e un vale de 100 euros para trocar por material deportivo. Así mesmo, a imaxe gañadora formará parte da tarxeta de Nadal que elaborará para este ano a Fundación USC e na que figurará o nome do gañador ou gañadora. O xurado poderá outorgar un accésit cuxo premio consistirá nun lote de libros.

Os traballos presentaranse nun sobre pechado. No exterior indicarase ‘X Concurso de Postais de Nadal da Fundación USC’. No interior, acompañando á postal, incluirase un sobre pequeno pechado coa folla de inscrición que acompaña a estas bases. Na parte posterior da postal debe indicarse a idade da persoa participante, pero nunca o seu nome.

The contents of this page were updated on 11.22.2022.