Skip to main content

Unha investigación da USC analiza o impacto da poesía italiana como literatura traducida en España e Arxentina

Marco Paone
Marco Paone
Marco Paone destaca na súa tese de doutoramento, dirixida por Domínguez Prieto, o papel do tradutor como unha ponte entre diferentes países

A linguaxe é a forma na que un autor relata na súa obra unha historia ou transmite unha idea ou pensamento. Pero, cando cambia a linguaxe, como manter a esencia do significado? A esta cuestión responde Marco Paone na súa tese de doutoramento ‘Antoloxías, poesía, tradución: unha perspectiva comparada transatlántica entre Italia, España e Arxentina’, que vén de presentar na Facultade de Filoloxía.

Nesta investigación, dirixida polo profesor da USC César Domínguez Prieto, Marco Paone analiza a poesía italiana traducida en España e Arxentina dende a segunda metade do século XX ata o ano 2010. O enfoque comparativo transatlántico entre España e Arxentina é necesario para entender as diferencias que existen entre ambos países, que son os maiores centros de produción e circulación de literatura no mundo hispanofalante.

Os poetas, tradutores e autores de antoloxías asumen un rol de mediadores cando teñen que trasladar unha obra dun país a outro sen perder a súa esencia de contido e forma, o que esixe abrir novas perspectivas discursivas. Neste caso, as antoloxías traducidas remiten á representación da poesía italiana contemporánea e a súa recepción no campo literario español e arxentino.

O mediador ten unha gran responsabilidade, tanto lingüística, como literaria e cultural, na construción dunha historia literaria que chegará ao público doutro país. O seu traballo céntrase en transportar unha obra e o seu autor ata outro público receptor e un sistema literario novo; é dicir, trasladar unha literatura de partida a outra de chegada.

Esta tese de doutoramento reinterpreta a figura dos mediadores que fan posible crear unha historia literaria xeograficamente máis ampla, ademais de recoñecer a singularidade da visión do autor que se proxecta nas obras traducidas. O doutor Marco Paone detecta nas obras superposicións de modelos literarios internacionais, incluso alleos ao país de partida e ao de chegada.

Unha obra escrita nun país presenta cuestións e conceptos que xorden no contexto social, económico e político dese país, o que esixe unha codificación discursiva que leve estes conceptos ao plano internacional e comparen a súa vixencia a nivel transnacional. Isto significa a interpretación de fenómenos culturais e políticos ao redor dun contexto de partida e, sobre todo, de chegada .

O obxectivo desta tese de doutoramento é profundar na historiografía literaria máis alá das fronteiras xeográficas dun país, neste caso, Italia. Así, esta investigación analiza o impacto da poesía italiana como literatura traducida en España e Arxentina, tendo en conta un marco sociolóxico, histórico e cultural, así como cuestións literarias, textuais e discursivas. Desta forma, Marco Paone analiza a produción autóctona dos tres sistemas literarios de España, Arxentina e Italia e fai unha comparación coas obras traducidas dende o país italiano.

O reducido grupo de lectores habituais de poesía proporciónalle unha gran importancia aos textos traducidos de literatura estranxeira como unha forma de ampliar e compartir este xénero con outros países. A tradución aspira a ser lida como poesía propia da literatura do país e, con esta intención, o tradutor convértese no intérprete de estilos e tendencias que poden ser tanto propios como alleos.

As antoloxías, entendidas como obras que son coleccións ou recompilacións de diferentes autores e épocas escollidas dende o criterio doutro autor, teñen un carácter representativo e exemplar polo que permiten transmitirlle ao lector un marco colectivo no que conflúen diferentes elementos pero que, na totalidade, proxectan unha imaxe da literatura de partida.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Marco Paone estivo presidido polo catedrático Gustavo Guerrero. Os profesores María do Cebreiro Rábade Villar e Begonya Pozo Sánchez completaron o xurado. O autor da tese de doutoramento obtivo a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

The contents of this page were updated on 10.17.2018.