Asinado o acordo de valoración dos méritos para prazas de profesorado laboral fixo asimilado a colaborador

O vicerreitor de profesorado da USC, Ernesto González Seoane, e os representantes das organizacións sindicais CSIF, CIG, CCOO e UGT asinaron este luns 28, no Colexio San Xerome, o acordo para a valoración dos méritos e do historial das persoas candidatas ás prazas de profesorado laboral fixo asimilado a colaborador. Este proceso enmárcase dentro da estabilización extraordinaria prevista na lei 20/2021 de medidas urxentes para reducir a temporalidade no emprego público. O acordo permitirá que o persoal no que incide este acordo acade unha situación de estabilidade laboral logo de anos de interinidade.
Xunto co vicerreitor, asinaron o documento Pilar Expósito Díaz, en representación do CSIF; Xosé Carlos Macía Arce, da CIG; Xurxo Proupín Castiñeiras, de CCOO; e Benjamín Rey Sanjurjo, pertencente a UGT. O texto acordouse por unanimidade na Mesa de PDI celebrada o pasado 21 de novembro.