A mostra, promovida polo OARMA, reúne imaxes en alta resolución do sistema solar e do ceo profundo acompañadas do comentario científico elaborado por José Ángel Docobo, Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto

Do 1 de decembro ao 27de xaneiro de 2023 o Claustro Alto do Colexio de Fonseca acollerá unha exposición astronómica promovida polo Observatorio Astronómico Universitario Ramón María Aller (OARMA) na que as imaxes en alta resolución do sistema solar e do ceo profundo se acompañan do seu correspondente comentario científico.
A inauguración da mostra, programada o xoves día 1 de decembro ás 13.00 horas, contará coas intervencións da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; do director xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; da directora do CITMAga, Rosa María Crujeiras; do director do OARMA, José Ángel Docobo; e dun dos fotógrafos da exposición, Francisco Javier Cerdán Núñez.
'Xoias do ceo'
A Lúa, o Sol, os planetas Marte, Xúpiter e Saturno e o cometa Leonard amósanse en dez fotografías realizadas por Salvador Ortega Saura. Outras vinte e oito instantáneas realizadas por Francisco Javier Cerdán Nuñez retratan estrelas, estrelas múltiples, e cúmulos estelares, amais distintas nebulosas pertencentes á Vía Láctea, e inclúen tamén unha vista parcial da nosa galaxia e imaxes doutras cinco galaxias diferentes.
Os textos explicativos que acompañan as fotografías foron elaborados no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC por José Ángel Docobo (xestor da exposición), Pedro Pablo Campo Díaz e Xabier Pérez Couto, que tamén son responsables da preparación de información e textos adicionais, como o texto introductorio, outro sobre os inicios da fotografía aplicada á astronomía, e un resumo das técnicas utilizadas na captura das distintas imaxes astronómicas.
En palabras do Profesor Docobo, "esta exposición é un claro exemplo de colaboración da astronomía profesional coa amateur" e demostra que "a pesar de que hoxe en día os telescopios espaciais nos marabillan con fotos espectaculares, non é menos certo que aínda dende lugares ben escuros da Terra, todavía poden obterse fotos de gran calidade e alta resolución como as que poden contemplarse nesta bonita exposición, que sen dúbida ten un alto interese tanto didáctico como informativo".
A mostra conta co apoio da Xunta de Galicia- Xacobeo 21-22, o Ministerio de Ciencia e Innovación, do CITMAga e de Óptica Val. Pode ser visitada de luns a venres de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas.