Salón de Graos
O vicerreitor Francisco Fraga, a presidenta da Asociación Síndrome de Down Lugo, María José Blanco, e o deputado Pablo Rivera participan este martes, ás 12.30 horas, nunha sesión que citará o alumnado beneficiario do curso de habilidades empresariais, ademais de docentes, mentores e representantes do mundo da empresa

O Proxecto Troya, unha iniciativa impulsada desde a Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo co apoio da Deputación Provincial e orientada a formar en competencias e habilidades empresariais a persoas usuarias da Asociación Síndrome de Down Lugo con discapacidade intelectual, celebra este martes, ás 12.30 horas, a sesión de clausura no salón de Graos da Facultade de ADE.
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, será o encargado de presidir este acto, no marco dunha sesión na que tamén intervirán o deputado provincial Pablo Rivera, e a presidenta da Asociación Síndrome de Down Lugo, María José Blanco, ademais do propio alumnado beneficiario, docentes e representantes do tecido empresarial.
Ao rematar o acto académico que serve de colofón das actividades formativas desenvolvidas ao longo das últimas semanas, procederase á inauguración da mostra ‘Emprego con Apoio: 20 anos loitando pola inclusión laboral das personas coa Síndrome de Down e/ou Discapacidade Intelectual’ no vestíbulo do centro universitario lugués.