Skip to main content

O proxecto Universidade sem Fronteiras presenta ante a European Education and Culture Executive Agency un balance da súa actividade

Os representantes da EACEA destacaron a importancia deste proxecto que culminou con éxito o obxectivo de por en marcha catro titulacións, acreditadas polas axencias de calidade de Galicia e Portugal, nun reducido período de tempo
Santiago de Compostela

O proxecto Universidade sem Fronteiras (UNISF) acaba de presentarse ante a European Education and Culture Executive Agency (EACEA) da Comisión Europa nun encontro virtual propiciado pola directora da Oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas, Ana Ramos. O encontro contou coa participación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso, así como de José Lorenzo Vallés e de María Luísa García Mínguez, xefe e sub-xefa, respectivamente, de Unidade da EACEA; da vicerreitora de Educación e Mobilidade Académica da Universidade do Minho, Filomena Soares, así como de representantes das restantes universidades participantes no consorcio UNISF (universidades da Coruña, Vigo, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro) así como da Fundación do Centro de Estudos Euro-rexionais Galicia – Norte de Portugal (FCEER).

Tras a presentación de UNISF por parte da vicerreitora da Universidade do Minho, os representantes da EACEA destacaron a importancia deste proxecto que culminou con éxito o obxectivo de por en marcha catro titulacións, acreditadas polas axencias de calidade de Galicia e Portugal, nun reducido período de tempo. Vallés cualificou UNISF de proxecto pioneiro que responde ás políticas da Unión Europea de fomento da creación de alianzas internacionais e apuntou que pode ser un exemplo inspirador para outras universidades que estean deseñando títulos interuniversitarios a nivel europeo.

UNISF é un proxecto transfronteirizo que agrupa as seis universidades públicas de Galicia e o Norte de Portugal (UDC, USC, UVigo, UMinho, UPorto, UTAD) e a Fundación CEER e que comezou a súa andaina no ano 2019 con financiamento do FEDER, baixo a coordinación da Universidade do Minho. O obxectivo principal deste proxecto, que pode considerarse un antecedente da iniciativa da Comisión Europea das ‘European Universities’, é o de fomentar a cooperación entre as institucións socias para desenvolver titulacións conxuntas. Ao seu abeiro, no presente curso académico comezaron a impartirse dúas titulacións de mestrado (Desafíos das Cidades, e Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais) e dúas de doutoramento (Ciencias Sociais e Envellecemento, e Matemáticas e Aplicacións). A USC e a única universidade do consorcio UNISF que participa nos catro títulos.

 

The contents of this page were updated on 12.22.2022.