Skip to main content

O prazo para concorrer ao Premio Aresa finaliza o 13 de xaneiro

O prazo para concorrer ao Premio Aresa finaliza o 13 de xaneiro
O prazo para concorrer ao Premio Aresa finaliza o 13 de xaneiro
Á edición 2022 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola USC e o Grupo Aresa, poderán presentar as súas candidaturas empresas, grupos de investigación ou entidades

A USC e o grupo empresarial Aresa manteñen aberto o prazo de presentación de candidaturas ao XXIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural ata o vindeiro 13 de xaneiro de 2023. Este é un galardón que conta cunha gratificación en metálico de 10.000 euros e que está orientado a distinguir iniciativas a prol do medio rural e da mellora da calidade de vida dos seus habitantes. A convocatoria é un dos eventos máis consolidados e con maior poder de convocatoria do campus lugués, tal e como se reflexa no número de candidaturas recibidas cada ano e pola súa lonxevidade ininterrompida no tempo. 

As persoas interesadas en promover candidaturas a este premio a prol do desenvolvemento rural poderán presentar a documentación requirida en calquera dos rexistros xerais de que dispón a USC nos seus campus de Lugo e de Santiago, tal e como se recollen nas bases deste premio, que xa están accesibles na web.  

O reitor da USC, o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a adxunta á Presidencia de Aresa, Carlota López; a CEO do grupo Leche Río, Carmen Lence; e o presidente da Comisión Científica Externa do Campus Terra, Marius Rubiralta, completan a composición do xurado encargado de valorar as candidaturas presentadas á edición 2022 do Premio Aresa. 

Premiados 

Na traxectoria do Premio Aresa, que xa ten acadado un recoñecido prestixio no sector, figuran como galardoados Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos da USC (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003); a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da TVG O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (EPSE) (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) (2019), e a Cooperativa A Carqueixa, que resultou gañadora do premio na edición de 2020, e o Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa, galardoado o pasado ano. 

 

The contents of this page were updated on 12.26.2022.