Skip to main content

Unha investigación desenvolve metodoloxías analíticas para caracterizar a orixe botánica dos meles galegos

O estudo logrou diferenciar a orixe botánica de meles galegas en base ao seu contido fenólico. FOTO: Pixabay
O estudo logrou diferenciar a orixe botánica de meles galegas en base ao seu contido fenólico. FOTO: Pixabay
O estudo de Lúa Vázquez no CRETUS da USC abordou tamén mostras de interese agrario, ambiental e cosmético, así como procesos de degradación de diversas substancias en augas
Santiago de Compostela

A investigadora Lúa Vázquez logrou caracterizar e diferenciar a orixe botánica do mel galego a través do desenvolvemento e optimización de metodoloxías analíticas simples, sustentables e rápidas. En concreto, o estudo logrou diferenciar a orixe botánica de meles galegos en base ao seu contido fenólico empregando diferentes ferramentas estatísticas. Por outra banda, propuxo, por primeira vez, a miniaturización da técnica de microextracción en fase sólida para determinar compostos aromáticos en ditas meles. Este foi un dos aspectos abordados nesta tese de doutoramento na que tamén se desenvolveron diferentes metodoloxías analíticas para tratar a presenza de funxicidas nas follas das vides, xeles hidroalcohólicos ou a presenza de antibióticos na auga, entre outras cuestións.

O estudo enmárcase dentro do proxecto ‘Identificación de marcadores específicos para garantir a calidade e autenticidade do mel de Galicia’ e levouse a cabo no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), baixo a dirección da catedrática María Llompart, do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía; e o doutor Thierry Dagnac, da Axencia Galega de Calidade Alimentaria e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Neste proxecto, tamén participaron a Universidade de Vigo e o Consello Regulador do Mel de Galicia.

Máis de 60 compostos

Ademais da caracterización dos meles galegos, Lúa Vázquez tamén se centrou noutras mostras de interese agrario, ambiental e cosmético, así como no estudo de procesos de degradación de diversas substancias en augas. Para todas estas mostras, a investigadora empregou diferentes técnicas de extracción seguidas de análises mediante distintos tipos de cromatografía e espectrometría de masas de baixa e alta resolución, dando lugar ao desenvolvemento dun total de oito metodoloxías analíticas distintas para a determinación simultánea de máis de 60 compostos.

A investigadora traballou na determinación de funxicidas empregados no sector vitivinícola en Galicia, demostrando a alta presenza de funxicidas nas follas das vides, inclusive superando os límites legais nalgúns casos, así como nas uvas ou nos compartimentos ambientais. En canto ás mostras cosméticas, nesta tese realizouse o primeiro estudo de xeles hidroalcohólicos, revelando que a maioría dos analizados non cumpría co Regulamento nº 1223/2009 de cosméticos e que ningún deles seguía as recomendacións da Organización Mundial de Saúde.

Finalmente, en canto á análise da presenza de antibióticos en auga e ao estudo de diferentes alternativas de eliminación, empregouse un reactor estático a escala de laboratorio baseado en fotólise con UVC e —durante a estadía de doutoramento levada a cabo na Universidade do Porto baixo a supervisión do doutor Vítor Vilar— usouse un reactor tubo en tubo baseado en procesos de oxidación avanzada. En ambos casos, os resultados obtidos revelaron que ambos tipos de reactores eran moi prometedores para eliminar os 14 antibióticos obxectivo das augas.

Traballo premiado

Os resultados da tese deron lugar a diferentes publicacións —sete traballos publicados e un en revisión— en revistas internacionais de alto impacto no ámbito da Química Analítica, Alimentaria e Ambiental (Analytica Chimica Acta, Journal of Chromatography A, Journal of Separation Science, Suistainable Chemistry and Pharmacy, Environmental Science and Pollution Research, Molecules, Foods e Separations). Os distintos traballos foron tamén presentados en diversos congresos de ámbito estatal e internacional, conducindo á obtención de dous premios: a mellor presentación oral nas ‘I Jornadas de Jóvenes Investigadores de la Sociedad Española de Espectrometría de Masas’; e un Accésit de Recoñecemento a unha das contribucións orais máis innovadoras no ‘2nd European Sample Preparation e-Conference’. O tribunal encargado de avaliar a tese acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaliente cum laude.

Lúa Vázquez é a autora da investigación
Lúa Vázquez é a autora da investigación
The contents of this page were updated on 01.23.2023.