Un novo programa formativo dirixido a maiores de 50 anos promoverá a autonomía e o envellecemento activo

O Programa Universitario de Maiores da USC presentou este mércores 25 a iniciativa ‘Activízate acumulando pasos!’, unha formación que se enmarca dentro do Campus Itinerante de IV CICLO, proposta interxeracional e dirixida a toda a poboación galega de máis de 50 anos, pero sobre todo ao colectivo xubilado e prexubilado de cara á previr a dependencia e a favorecer a autonomía persoal, dende unha perspectiva do envellecemento activo. Esther Olveira, directora do IV Ciclo, foi a encargada de presentar os detalles desta formación, no Salón de Plenos do Concello de Nogueira de Ramuín, localidade na que este mércores beneficiáronse desta actividade unha trintena de persoas. Xunto a ela, interviñeron os profesores da USC, Víctor Manuel Arce Vázquez e Antonio Rodríguez Martínez, ademais de Javier Ventosa Rial, subdirector xeral de Atención Sociosanitaria e Innovación Asistencial.
Os contidos de ‘Activízate acumulando pasos!’ son presentados de xeito divulgativo por parte dos relatores malia que tamén se desenvolve unha parte interactiva a través de actividades prácticas e de propostas de aprendizaxe e servizo. O coidado dos pés, as enfermidades psíquicas, a protección da vista, alimentación saudable, como convivir coa enfermidade e cos anticoagulantes ou a calidade do sono son algunhas das cuestións que poden ser abordadas.
Autoestima e autosuficiencia
Trátase dun programa de envellecemento activo subvencionado pola Dirección Xeral de Maiores e Servizos Sociosanitarios e desenvolto coa colaboración da USC e co Consorcio da Ribeira Sacra para favorecer a construción dunha sociedade que garanta os dereitos e deberes para todas as idades en igualdade de oportunidades. “De aí o compromiso das administracións e do Programa Universitario de Maiores, IV CICLO, de traballar na prevención da dependencia, apostando por un proxecto que favoreza a participación e a autonomía do colectivo”, explica Esther Olveira.
A partir de agora, serán os concellos os encargados de determinar as datas nas que ofrecerán esta formación e de convocar os prazos de inscrición pertinentes. O programa persegue “ser máis asertivos nas tomas de decisión pero tamén na mellora da función cognitiva-sensorial para evitar a súa diminución mediante o incremento da funcionalidade física favorecendo unha mellora da autoestima e da autosuficiencia”, continúa Esther Olveira.
‘Activízate acumulando pasos!’ contará con especialistas das facultades de Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Enfermaría, Farmacia, Psicoloxía, Servizo de Vixilancia da Saúde, Cátedra de hidroloxía médica e cos diferentes centros de investigación, entre outros, para o desenvolvemento dun programa de divulgación dirixido a toda a poboación galega.