Skip to main content

Coloquio sobre a carreira científica das mulleres

10/02/2023 - 12.00

Integrantes do grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia achegan as súas experiencias, a partir das 12.00 horas, nunha mesa redonda promovida ao abeiro do proxecto Convivio de Ciencia que se poderá seguir a través da canle de YouTube de XuvenCiencia

Cartaz do coloquio
Cartaz do coloquio

O grupo de innovación docente do Campus de Lugo XuvenCiencia organiza este venres, a partir das 12.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, un coloquio sobre a carreira investigadora das mulleres co gallo da celebración do Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Esta actividade, promovida ao abeiro do proxecto Convivio de Ciencia, que recibe financiamento da FECYT, contará como relatoras con varias integrantes do grupo XuvenCiencia pertencentes áreas de coñecemento e xeracións distintas.

A temática da sesión, que poderá seguirse de xeito presencial, pero que tamén inclúe un coloquio telemático dirixido a estudantes preuniversitarios de toda Galicia que poderá seguirse a través da canle de YouTube de XuvenCiencia, xirará arredor do acceso das mozas ás profesións tecnolóxicas. A xornalista e investigadora da USC Marta Veiga Izaguirre será a encargada de moderar un coloquio no que intervirán como relatoras sete mulleres.

Perfís das participantes

Laila Al-Soufi Novo, graduada en Bioloxía e máster en Xenómica e Xenética. É investigadora predoutoral no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e o seu campo de traballo é a predisposición xenética a padecer doenzas psiquiátricas ou dependencia a drogas.

Ana Couso Viana, graduada en Bioloxía e investigadora predoutoral na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, onde realiza a súa tese en Produción Vexetal, sobre o cultivo in vitro de plantas ameazadas e/ou endémicas.

Saskia Flament Simon é docente e investigadora da Facultade de Ciencias do Campus da USC en Lugo, na área de Bioquímica e Bioloxía Molecular, onde estuda microorganismo mediante ferramentas da bioinformática e da bioloxía.

Ana P. Losada é veterinaria e profesora de Anatomía Patolóxica no grao en Veterinaria do Campus de Lugo. Forma parte do grupo de investigación Gapavet, que traballa no benestar e a saúde animal na acuicultura.

Mercedes Novo é profesora da área de Química-Física e imparte aulas no grao en Bioquímica do Campus de Lugo. As súas investigacións empregan a luz para estudar sistemas de interese biomédico e tecnolóxico. É a coordinadora de XuvenCiencia.

Montse Valcárcel é investigadora de Enxeñaría Agroforestal e imparte docencia de Hidroloxía nos graos de Enxeñaría Civil, Agrícola e Forestal e no mestrado de Enxeñaría de Montes. Os seus eidos de traballo son a xestión da auga e o desenvolvemento rural.

Logo das quendas das investigadoras da USC participantes neste coloquio, poderá tamén partillar as súas reflexións e formular preguntas o alumnado dos centros que se conecten nesta sesión especial organizada para conmemorar o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia.

The contents of this page were updated on 02.09.2023.