O cuarteto vigués ofrecerá no seu concerto lugués un repertorio de temas inspirados no soul e no funk. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo, como todas as actividades promovidas ao abeiro do convenio Lugo Cultural

O grupo vigués Mundo Prestigio, un cuarteto nado en 2019 trala reconversión de Jay, unha banda de noise rock integrada por Ju, Brais, Fiz e Fer, que outrora xa foran compoñentes doutras formacións como Disco las Palmeras!, Dois ou Seda, presenta este mércores, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, as súas últimas creacións no concerto de apertura do ‘Lubicán’, un ciclo organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
Impulsados por novas inquedanzas musicais, cimentadas sobre a técnica do sampling e cunha clara dirección cara ao hip hop, Mundo Prestigio responde ao novo proxecto dos catro integrantes desta banda por facer borrón e conta nova para avanzar nunha nova empresa artística que avanza a cabalo dunha banda e un grupo de produtores.
As cancións de Mundo Prestigio están inspiradas no soul e o funk, ao tempo que seguen unha estela que se aproxima cada vez máis á chamada música urbana. Mundo Prestigio replica pois un esquema previamente reproducido por algunhas formacións das que recollen influencias, tal e como poden ser The Avalanches e Badbadnotgood, unha herdanza musical do século pasado que agora estes vigueses trasladan ao contexto moderno.