Ao abeiro do proxecto MyCOAST, pretende ser un foro de debate para os actores relevantes dos distintos sectores presentes na zona costeira

A observación da dinámica costeira é fundamental para levar a cabo unha xestión integrada e un desenvolvemento sostible das zonas que se sitúan na costa, o aproveitamento dos seus recursos e a protección do medio mariño ante as principais incertezas que supón o cambio climático. Neste senso, o proxecto MyCOAST, do que forma parte a USC, organiza para o vindeiro 1 de marzo, en Santiago de Compostela, o Workshop MyCOAST ‘Ferramentas para abordar os riscos nos observatorios costeiros’.
Na sesión conxugarase a presentación das necesidades dos distintos sectores presentes na zona costeira —enerxías renovables mariñas, acuicultura, lixo mariño, inundacións costeiras e portos— xunto coas respostas que ofrece o Observatorio de Oceanografía Operativa Costeira do Atlántico creado ao abeiro de MyCOAST.
A xornada pretende ser un foro de debate, no que actores relevantes dos distintos sectores expoñan a utilidade e aplicación das ferramentas desenvolvidas no marco do proxecto para buscar sinerxías que reforcen o desenvolvemento de futuras aplicacións. O encontro está aberto con inscrición ata completar a capacidade do espazo.