O encontro organizado pola Facultade de Xeografía e Historia da USC conmemora o centenario do primeiro pacto Galeusca

Cen anos despois do primeiro pacto de Galeusca, asinado en 1923, o VII Congreso Galeusca-Historia chama a unha lectura histórica do presente, a mirar cara ao pasado dende as preguntas da historiografía actual. Cunha cronoloxía definida, o século transcorrido desde a creación do pacto de Galeusca até hoxe, o encontro convida a participar nunha mirada plural, pensada en Europa e no mundo, centrada na historia deste tempo e na historiografía de todos os tempos, mais aberta ás achegas do resto de ciencias sociais e humanas.
O congreso desenvolverase do 5 ao 6 de outubro na Facultade de Xeografía e Historia da USC e artéllase arredor de dúas liñas de traballo articuladas en tres patamares históricos, co obxectivo de reflexionar sobre o pasado e a historiografía dos territorios e as sociedades de Galeusca: unha centrada nas propostas políticas galeuscanas -por xunto e por separado- ao longo deste século e outra na historia e a memoria do pasado incómodo.
Os tres patamares históricos escollidos, son tres momentos clave, intres de ruptura do marco político do Estado español e, por tanto, das sociedades e a política dos distintos territorios galeuscanos: 1923 (golpe de estado de Primo de Rivera e fin da Restauración), 1936 (golpe de estado, matanzas e guerra no tempo do fascismo) e 1975 (morte do ditador e posterior Transición política).
O programa completo do encontro está dispoñible na súa páxina web.