A actividade co músico compostelán, promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, desenvolverase o xoves 2 de marzo, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber. A entrada é libre e de balde ata completar o aforo

O músico galego Xacobe Martínez Antelo abre o 2 de marzo, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, os ‘Xoves de Moda’, un ciclo promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, cunha sesión na que dará conta do proceso de creación do espazo sonoro de ‘Nevermore’, a última montaxe do Grupo Chévere.
Neste encontro con Xacobe, as persoas participarante terán a oportunidade de debater sobre os procesos creativos, a concepción do espazo sonoro na música, nas artes escénicas e no audiovisual, ao tempo que tamén poderán coñecer a opinión deste músico, emprendedor e activista cultural resepcto de cómo é a experiencia de traballar para Chévere, e do intenso e espectacular traballo de ‘Nevermore’.
Xacobe Martínez Antelo
De formación ecléctica e autodidacta, este músico compostelán aparece en máis de 40 traballos discográficos, que van dende o jazz ao rock, pasando pola música tradicional, o teatro ou as músicas do mundo. Como líder, é fundador de Sumrrá, Monkillos, Xacobe Martínez Antelo Trío, Cuarteto e Quinteto, CHaNZo, A Tribu, MARTELO, a Orquestra Galega de Liberación, e o Ensemble Liberdade.
No terreo asociativo, Martínez Antelo foi membro fundador de Músicas ao Vivo, así como de FEMA (Federación Española de Músicos Asociados), FMJAZZ (Federación Estatal de Músicos Profesionais de Jazz), e a Unión de Músicos. Vén sendo unha figura imprescindible da escena musical galega dos últimos 20 anos, e á súa presenza en calquera espazo da nosa xeografía, súmaselle unha traxectoria internacional máis que considerable. París, Londres, Helsinki, Sudáfrica, Marrocos, Corea, China, Bulgaria, México, Nicaragua, Honduras, El Salvador, Guatemala, Portugal, Bolivia ou Cuba, avalan a súa carreira alén das fronteiras de Galicia.
No eido da divulgación, este polifacético artista compostelán vén desenvolvendo concertos didácticos e clases maxistrais dende hai máis de 15 anos, e para todo tipo de audiencias: músicos profesionais, estudantes de música, aficionados ao jazz, rapaces e rapazas de primaria e secundaria, terceira idade ou colectivos con capacidades diversas.
Ademáis da acción vencellada á música, Xacobe Martínez Antelo traballa de xeito estable co Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) desde hai máis de dúas décadas, período durante o que ten recibido varias nominacións e varios Premios María Casares por algúns dos seus traballos con Chévere, como ‘Testosterona’, ‘Citizen’, ou ‘Ultranoite no País dos Ananos’.
Na última gran montaxe de Chévere: ‘Nevermore’ asistimos a unha aposta decidida pola execución ao vivo de toda unha banda sonora recreada coas vellas técnicas do Foley Art, para amosar as tripas da ficción escénica, xunto coas maquinarias dos teatros onde se representa a última gran peza dos Chévere.