Skip to main content

A planificación do PDI para 2023 reforza a renovación do cadro docente da USC

No relativo á incorporación de profesorado, crearanse 49 prazas de profesorado axudante doutor. FOTO: Santi Alvite
No relativo á incorporación de profesorado, crearanse 49 prazas de profesorado axudante doutor. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno aprobou o Calendario Académico para o vindeiro curso no que os períodos lectivos concentraranse do 11 de setembro ao 22 de decembro de 2023 e do 29 de xaneiro ao 16 de maio de 2024
Lugo, Santiago de Compostela

As actuacións que a USC desenvolverá en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI) ao longo de 2023 servirán para reforzar os procesos de renovación do seu profesorado, avanzando no anovamento da súa idade media e reducindo a taxa de contratos temporais. Este é o eixo sobre o que se asenta a planificación aprobada este xoves 23 polo Consello de Goberno, a través da cal se garante que as diferentes áreas de coñecemento conten coa dotación estrutural necesaria para enfrontar as súas obrigas. O documento tamén aborda a estabilización e promoción do PDI acreditado para os diferentes corpos docentes. Con esta actuación quedarán eliminadas as bolsas de profesorado acreditado sen promocionar que se viñan arrastrando nos últimos anos.

Polo que se refire ás previsións de xubilacións e baixas de profesorado para o exercicio 2023, nestes momentos a cifra ascende a 44 profesores e profesoras, se ben se agarda que este número poida chegar, tal e como vén sucedendo nos últimos anos, aos 60 efectivos.

No relativo á incorporación de profesorado, crearanse 49 prazas de profesorado axudante doutor, que se asignarán a aquelas áreas de coñecemento con necesidades estruturais no inicio do vindeiro curso así como a aquelas especialmente avellentadas. A planificación tamén contempla a creación de 6 prazas de profesorado asociado, 1 de profesorado titular, e 4 de profesorado contratado doutor con vinculación asistencial. Con respecto á promoción e estabilización do persoal en categorías de profesorado con vinculación permanente, a planificación propón a creación dun total de 30 prazas de profesorado contratado doutor e 19 de profesorado titular. Ademais, resérvanse 5 prazas de profesorado contratado doutor e 3 de titular para a estabilización de investigadores procedentes do programa Ramón y Cajal e doutros programas de excelencia. Finalmente, no relativo á promoción do profesorado acreditado, crearanse 23 prazas de profesorado titular e 50 de catedrático/a.

En materia de PDI, o Consello tamén aprobou a Oferta de Emprego Público derivada da planificación antes descrita, a transformación de  contratos  de  profesorado  colaborador a profesorado contratado doutor, a convocatoria e comisións de selección de prazas de profesorado permanente, a actualización da táboa de asignación de complemento por mérito docente, as solicitudes de licenzas de ano sabático 2023-2024 e o recoñecemento do interese para a USC da realización, por parte de persoal da Universidade, de actividades de investigación na Axencia Galega de Innovación (GAIN).  

Calendario académico

O curso académico 23-24 organizarase en dous períodos académicos e abarcará dende o 1 de setembro de 2023 ata o 31 de agosto de 2024. Os períodos lectivos concentraranse do 11 de setembro ao 22 de decembro de 2023 e do 29 de xaneiro ao 16 de maio de 2024. Como se regula no Calendario Académico aprobado este xoves, cada centro fixará en función das súas circunstancias o calendario de probas finais de cada oportunidade dentro do período de apertura de actas, respectando en todo caso o prazo de revisión das cualificacións provisionais. Este último período estenderase do 18 de decembro ao 5 de febreiro no primeiro semestre e do 13 de maio ao 17 de xuño no segundo.

Publicidade Institucional Activa

A USC dotarase dun Boletín Oficial propio e dun Portal de Transparencia institucional co que a Universidade busca ampliar e reforzar a transparencia arredor da súa actividade. Estas son as dúas ferramentas esenciais recollidas no Regulamento de publicidade institucional activa da USC aprobado no Consello de Goberno. En ambos os dous casos, son instrumentos cos que se busca “canalizar a publicación dun volume tan elevado de información” respecto da actividade universitaria e “facilitar o acceso á mesma de xeito sinxelo”.

O Boletín Oficial da USC (BOUSC) será un medio de publicación das disposicións normativas de carácter xeral que tamén recollerá con carácter informativo e complementario os restantes acordos e as instrucións e resolucións dos órganos da USC. A súa creación pretende garantir o principio constitucional de seguridade xurídica e facilitar o acceso a información de interese para a comunidade universitaria. Como mínimo conterá seccións relativas a disposicións xerais, instrucións, acordos e resolucións dos órganos da USC, persoal e outra información de interese para a comunidade universitaria.

Pola súa banda, o Portal de Transparencia permitirá á cidadanía, dende un único punto de acceso web, obter toda a información relevante para garantir a transparencia da actividade da USC co fin de facilitar o coñecemento e control da actuación pública e fomentar a participación da comunidade universitaria na toma de decisións. Entre outros apartados, recollerá información relacionada coa organización administrativa, planificación e estatística, normativa, información económica, contratos e convenios, axudas, subvencións e bolsas ou recursos humanos, entre outras cuestións.

A aprobación deste regulamento suporá tamén a modificación, igualmente aprobada este xoves polo Consello de Goberno, do regulamento de Transformación Dixital, administración electrónica e desenvolvemento das tecnoloxías da información da comunicación para recoller unha referencia específica ao BOUSC.

Cátedras Vida Saudable e IA en Ciencias da Saúde

Coidar da calidade de vida é o nexo que une as dúas cátedras institucionais que botarán a andar na USC en materia de Vida Saudable e de Intelixencia artificial en Ciencias da Saúde. A primeira delas xorde pola necesidade do fomento da investigación en saúde pública e pola súa capacidade para crear e compartir coñecemento, así como para poñer en valor as actuacións que se realizan e para identificar novas estratexias que se vaian levar a cabo dentro do Plan 'Obesidade Zero' de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia, aprobado polo Parlamento autonómico.

Por outra banda, a proposta da Cátedra en Intelixencia Artificial en Ciencias da Saúde enmárcase no proceso de concorrencia da USC á convocatoria de axudas para a creación de cátedras universidade-empresa (Cátedras Enia), destinadas á investigación e desenvolvemento da intelixencia artificial (IA). Concretamente, a súa actividade prestará especial atención a actividades relacionadas coa medicina personalizada e de precisión, procurando unha estreita vinculación coa formación das promocións de grao e mestrado en IA que cursan estudos na USC ao tempo que se fomente a colaboración co sector profesional e a participación en proxectos de I+D+i.

Pharmabras

Pharmabras é a denominación que recibirá unha nova unidade asociada entre a USC e a Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, cuxo obxectivo será demostrar a eficacia de isotiocianatos (ITCs) na prevención e no tratamento do cancro e, segundo os avances obtidos nas investigacións a realizar, avaliar se algunha das moléculas podería ser obxecto de ensaios orientados a descubrir o seu potencial como suplemento nutricional ou como fármacos antitumorais. Aprobada este xoves na xuntanza do Consello, esta unidade asociada realizará actividades focalizadas no cribado de compostos con efectos antitumorais presentes en brásicas e os seus metabolismos secundarios, así como o estudo de mecanismos de acción e desenvolvemento de aplicacións terapéuticas. Por parte da USC, participarán membros do grupo de investigación Laboratorio SNL Lennart Levi.

Outros asuntos

A docencia híbrida e virtual na USC conta cun contexto normativo de carácter técnico que permitirá desenvolver un debate estratéxico posterior arredor da cuestión. Este foi outro dos asuntos abordados na xuntanza xunto á modificación dos regulamentos de Planificación Académica, o da Escola Infantil Breogán, así como o de Réxime Interno da Facultade de Dereito. Cuestións relativas a tarifas, memorias de estudos propios, a renovación da comisión de revisión, convenios e asuntos económicos completaron a orde do día.

 

A xuntanza desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 05.04.2023.