O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade do Parkinson da USC promove este evento de divulgación científica sobre células nai

O vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, presidirá o venres 10 de marzo ás 9 horas o acto de inauguración do xornada Unistem Day 2023, un encontro organizado polo Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que se desenvolve na Facultade de Medicina e Odontoloxía.
Trátase do evento internacional de maior envergadura na divulgación sobre células nai e terapia celular promovido dende hai 14 anos pola Università degli Studi dei Milano. Durante esta xornada, baixo o lema 'A viaxe interminable da investigación en células nai', pretende achegar a ciencia a novos estudantes de bacharelato e espertar vocacións científicas. O programa completo do encontro está dispoñible na ligazón a este evento.
Carácter internacional, pero de proximidade
Nesta edición prevese que arredor de 30.000 estudantes participen en actividades e visitas a laboratorios en 87 universidades e centros de investigación de 14 países: Alemaña, Australia, Dinamarca, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, Serbia, Suecia e España. No noso país, ademais da USC, participan 10 universidades e centros de investigación da Rede de Terapias Avanzadas, TERAV, coordinados desde a Universitat de Barcelona.
A Facultade de Medicina de Santiago acollerá a 370 estudantes e profesorado do IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, Colexio Compañía de María, IES Xelmírez I e IES Xelmírez II de Santiago, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, IES Plurilingüe de Valga e CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense. O evento conta co patrocinio do CiMUS, Celta Enxeñeiros, Fisher Scientific, Cienytech, Izasa Scientific, Glass Chemicals, Casio División Educativa, Levoriz, Merck, Editorial Elsevier, Domino’s Pizza, Gadis e Albarin Cátering.
O último en células nai e terapia celular
O evento incluirá charlas de docentes e investigadores da USC que abordarán temas de interese sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular. Achegarán detalles sobre a investigación sobre células nai no laboratorio; ou falarán da ciencia con evidencia e o risco das faeknews neste campo.
Tamén terán lugar xogos interactivos para facer da ciencia algo divertido; e ademais, este ano, enmarcado nas actividades do Ano de Investigación Ramón e Cajal, incluirase unha charla sobre a vida e legado científico e artístico do considerado pai da neurociencia, Santiago Ramón e Cajal.