A segunda das oito sesións nas que se estrutura o ciclo sobre libros infantís e ilustradoras, coordinado pola profesora Rocío García Pedreira e no que participan medio centenar de estudantes, desenvólvese o martes, ás 19.00 horas, en Formación do Profesorado

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC acolle este martes, a partir das 19.00 horas, unha nova sesión do videopodcast sobre libros e ilustracións con creadoras galegas ‘Petíscame’, na que participará como relatora convidada a ilustradora de edicións infantís e cómics Laura Suárez.
O programa ‘Petíscame videopodcast’ é unha iniciativa coordinada pola profesora da área de Didáctica da Lingua e da Literatura Rocío García Pedreira e apoida polo Servizo de Normalización Lingüstíca da USC, a través da que se pretende que o alumnado universitario elabore videopodcasts de divulgación en galego sobre o mundo dos libros e da ilustración.
O ciclo, dirixido especialmente aos preto de 50 estudantes matriculados na materia Literatura e Arte, pero aberto á participación do público interesado, está estruturado en oito sesións, nas que participarán como relatoras outras tantas ilustradoras e creadoras galegas galegas relacionadas co mundo dos álbums ilusrados, cómics e obras literairas dirixidas á infancia e xuventude.