Skip to main content

As tres universidades públicas galegas e a Xunta cooperan para avanzar na investigación en terapias avanzadas

O reitor Antonio López durante a súa intervención no acto. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López durante a súa intervención no acto. FOTO: Santi Alvite
O protocolo asinado este martes sementa os alicerces dunha rede de investigación colaborativa enfocada na execución de proxectos de investigación básica, preclínica e clínica de forma coordinada e cooperativa
Santiago de Compostela

O Protocolo para a posta en marcha da Unidade cooperativa de investigación en terapias avanzadas de Galicia sementa os alicerces dunha rede de investigación que permitirá aproveitar as sinerxías entre os distintos grupos, institutos e centros de investigación da comunidade, así como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

 
O reitor da USC, Antonio López, xunto aos reitores da UDC e da UVigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, asinaron este martes 21 o documento xunto ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e os representantes da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), da empresa pública GALARIA, e das fundacións Profesor Novoa Santos e Biomédica Galicia Sur. Antes do acto de sinatura, as autoridades visitaron as instalacións do futuro Centro de fabricación de terapias avanzadas.

Investigación colaborativa

Deste xeito, nace unha rede de investigación colaborativa enfocada na execución de proxectos de investigación básica, preclínica e/ou clínica de forma coordinada e cooperativa que permitirá sumar as capacidades de diferentes grupos de investigación; coordinar liñas de traballo que requiran dunha infraestrutura complexa ou importantes recursos para o salto a ensaios clínicos; posibilitar a participación conxunta para multiplicar as posibilidades de obtención de financiamiento; e facilitar o desenvolvemento, proba e validación de novos fármacos en investigación experimental, dos que se beneficiarán os pacientes de Galicia e, potencialmente, os de todo o Estado. 

A unidade desenvolverá novas terapias avanzadas coa idea de que no futuro poidan incorporarse á carteira de servizos do centro e ofrecérllelos despois aos pacientes do Servizo Galego de Saúde. O centro, que ten un investimento que supera os 2,5 millóns de euros, debería estar funcionando en probas no último trimestre deste ano, para asegurar os máximos estándares de calidade. 
 

De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Julio Abalde, Antonio López, Julio García Comesaña e Francisco Conde. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Manuel Reigosa, Julio Abalde, Antonio López, Julio García Comesaña e Francisco Conde. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 03.21.2023.