Skip to main content

Sesión de 'Micro aberto' na Facultade de ADE

A iniciativa promovida desde a Área de Cultura da USC para fomentar a creatividade artística da comunidade universitaria e de calquera outra persoa interesada, desenvolverase na cafetería da Facultade de ADE, onde intervirán, entre outros Uxía Yáñez, MJ Pérez e Chico López

Cartel da sesión
Cartel da sesión

A Área de Cultura da USC convida a comunidade universitaria do Campus de Lugo, así como a calquera outra persoa interesada, a dar renda solta á súa creatividade coa celebración dunha sesión de ‘Micro aberto’ que se desenvolverá este luns 27 de marzo, a partir das 20.30 horas, na cafetería da Facultade de Administración e Dirección de Empresas.

A cantautora arzuá, tal e como se autodenomina a artista e compositora MJ Pérez, será a artista convidada a tomar parte neste ‘Micro aberto’, unha sesión a prol da creatividade, promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, e no marco da que todo o público presente que teña algo que dicir, xa sexa cantar unha canción, recitar un poema, facer un monólogo, ofrecer un relatorio... contará cun micrófono aberto para facelo.

A primiera sesión de ‘Micro aberto’ programada no Campus de Lugo contará tamén coa participación da investigadora na Facultade de Veterinaria Uxía Yáñez Ramil, finalista da pasada edición do ciclo de monólogos científicos, así como de Chico López, que tamén interpretará algunhas cancións ao vivo.

As persoas que acudan como público a este foro aberto de expresión da creatividade artística, na que tamén solicitaron intervir varios integrantes da Compañía de Teatro do Campus de Lugo, poderán tamén gozar dunha consumición gratuíta. Asemade, a celebración desta actividade servirá tamén de escenario no que se proceda á lectura do manifesto polo Día Mundial do Teatro, coincidindo coa celebración desta efeméride.

The contents of this page were updated on 03.27.2023.