Skip to main content

Alumnado da USC poderá realizar prácticas en entidades pertencentes á Asociación Área Empresarial do Tambre

Na selección do alumnado valoraranse os méritos académicos, tendo prioridade no proceso de selección as prácticas curriculares sobre as extracurriculares. FOTO: Santi Alvite
Na selección do alumnado valoraranse os méritos académicos, tendo prioridade no proceso de selección as prácticas curriculares sobre as extracurriculares. FOTO: Santi Alvite
O programa contempla a posibilidade de realizar prácticas extracurriculares, curriculares ou conducentes á elaboración dos TFG ou TFM
Lugo, Santiago de Compostela

Estudantado da USC poderá realizar prácticas en entidades pertencentes á Asociación Área Empresarial do Tambre, froito dun convenio de colaboración. O programa permitirá a realización, por parte do alumnado, de prácticas académicas extracurriculares, curriculares ou conducentes á elaboración dos Traballos Fin de Grao (TFG) ou Fin de Mestrado (TFM), nas instalacións das empresas, institucións, entidades ou organismos pertencentes á Asociación. O acordo foi o tema central da xuntanza que este venres mantiveron o reitor Antonio López e o presidente da asociación empresarial, José Fernández Alborés, no Colexio San Xerome. O acto contou coa presenza do decano da Facultade de Filoloxía da USC, Elias Feijó Torres, xa que foi este centro o que promoveu a realización do acordo.

O convenio, que terá unha duración de catro anos, contempla que se realizará, como mínimo, unha convocatoria de prácticas en cada curso académico. A través deste programa de prácticas externas quérese acadar un maior achegamento entre o ámbito laboral e a Universidade, para facilitar a futura inserción laboral do alumnado universitario egresado mediante a alternancia da súa formación teórica con prácticas externas, acadando ao mesmo tempo a mellor cualificación e inserción no ámbito laboral.

Na selección do alumnado valoraranse os méritos académicos, tendo prioridade no proceso de selección as prácticas curriculares sobre as extracurriculares, así como na adxudicación de prácticas, o alumnado con discapacidade. Ademais, os horarios deberán ser compatibles coa actividade académica e cada estudante terá un titor ou titora académica do seu centro e outro na entidade na que realice as prácticas que emitirá un informe final. Pola súa parte, o estudantado deberá presentar unha memoria das prácticas final sobre o traballo realizado. Para acceder ao programa, será preciso estar matriculado na titulación á que se vinculan as prácticas segundo as competencias que debe adquirir o alumnado.

O reitor Antonio López mantivo unha xuntanza co equipo directivo da Asociación, así como con membros do equipo de goberno da Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López mantivo unha xuntanza co equipo directivo da Asociación, así como con membros do equipo de goberno da Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 03.24.2023.