O programa multidisciplinar coordinado polas profesoras da USC Elena Freire e Ana Cabana cita na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo recoñecidos especialistas de diversas áreas de coñecemento do 24 ao 26 de abril

O Curso de Primavera da USC bota a andar o vindeiro luns 24 de abril na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo baixo o título ‘Hortas: cultura, sustentabilidade e saúde’. Este programa de formación e divulgación, coordinado polas profesoras da USC Elena Freire e Ana Cabana, pretende achegarse á realidade das hortas desde perspectiva da cultura, da sustentabilidade e da saúde.
Deseñado para a converxencia dos intereses do alumnado de diferentes titulacións do Campus Terra da USC e aberto a toda a cidadanía, o curso contará coa participacipación de especialistas de reputados centros de investigación e múltiples áreas de coñecemento como a Antropoloxía, Historia, Edafoloxía, Socioloxía, Filosofía Moral, Arte, Xeografía, Filoloxía, Museoloxía ou Xeografía.
O programa desta actividade, que responde aos intereses multidisciplinares promovidos desde o Campus Terra da USC a través da concesión de axudas e posta en marcha de grupos colaborativos en materia de I+D+i, incorporará actividades de campo entre as que se atopan unha saída ao terreo e unha masterclass con showcooking, a cargo dos prestixiosos chefs Pablo Vila, xefe de cociña do restaurante do Hotel Oca Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, e Diego López, chef restaurante Bulló (Lugo) en representación de Cociñeiros Lugo.
Javier Olleros chef do restaurante Culler de Pau, en O Grove, un establecemento de hostalería que conta na actualidade con dúas Estrellas Michelín, 3 Soles Repsol e 1 Sol Sostible de Repsol, ofrecerá o relatorio de apertura do curso este luns 24 de abril. A matrícula nesta actividade divulgativa promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural é de carácter gratuíto e permanece aberta no enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es)