Skip to main content

XXI Encontro de Danza da USC

12/4/2023 - 20.30 horas

Lugo
Casa do Saber

A performance ‘Espazos abandonados’, a cargo do alumnado de danza contemporánea da USC, abre a quenda de intervencións deste certame artístico organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural que cita na Casa do Saber catro compañías universitarias

Cartaz do XXI Encontro Universitario de Danza
Cartaz do XXI Encontro Universitario de Danza

O XXI Encontro de Danza do Campus de Lugo, un evento organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, bota a andar o mércores 12 de abril, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, coa presentación da performance ‘Espazos abandonados’, a cargo do alumnado de danza contemporánea da USC. O elenco de bailaríns desta peza, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Ludovico Einaudi, está integrado por Lucía Fernández, Candela Gamallo, Irene Insua, Julia Lacleta, Daniela Mangas, Brais Rodríguez e Elena Sánchez.

A compañía ‘D-ou-tras’, do campus de Ourense da Universidade de Vigo dará continuidade á quenda de representacións da primeira xornada do XXI Encontro de Danza coa presentación de ‘Corpos celestes’, froito dun traballo de investigación ao redor das traxectorias dos corpos celestes e as diferentes densidades do aire. Ainhoa Viñuela, Alicia Fraga, Ánxela González, Daniele Tommasini, Diego Negro, Belén Ferro, Rosa Puga, Laura Lozano, Mercedes Ferro e Sira Gonzále conforman o elenco de intérpretes desta obra,  que conta con coreografía de Nuria Sotelo.

A compañía de Danza da USC, xunto coa formación Sen Vergoña, integrada por alumnado do programa de IV Ciclo da USC e que conta tamén con Juan Carlos Zahera como director artístico, pecharán a primeira xornada deste encontro de danza coa función ‘Alento’. Esta nova produción da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura fai alusión ao primeiro e último que temos nesta viaxe da vida; o que nos impulsa á acción e nos frea ante as situacións difíciles, o que nos anima a danzar e a expresar: o alento.

Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Carmen Sarmiento, Dolores Besteiro, Herminda Méndez, Beatriz Ovalle, Rosa Menéndez, Sabela Rodríguez e Victoria Vázquez conforman o elenco que interpretará a obra, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Armand Amar. Sabela Rodríguez é a autora do texto, ao que pon voz Xosé Valcárcel.

Segunda xornada

O alumnado de danza contemporánea da USC abrirá de novo o xoves 13, a partir das 20.30 horas, na Casa do Saber, a segunda xornada do XXI Encontro de Danza cun novo pase da performance ‘Espazos abandonados’. De seguido, a aula de danza da Universidade da Coruña presentará ‘Á espera de...’, unha proposta escénica que reflexiona desde o movemento sobre o acto de agardar.

Inspirada na obra de Samuel Beckett, ‘Á espera de Godot’, a coreografía desta intervención é de Alba Fernández Cotelo  e coreografía colectiva. As bailarinas e os bailaríns serán Daniela Castellanos, Remedios Cuba, Cristina Nogueira, Alfonso Louro, Elías Álvarez, Fabiola Fraga, Tania Galán, Estefanía Calo, Ana Blanco, Aida García, Jacqueline Reimúndez, Marta Argüelles e Lucía Castro. Unha vez rematada a interpretación desta composición, as compañías de danza da USC pecharán o encontro cun segundo pase da obra ‘Alento’.

 

 

 

The contents of this page were updated on 04.13.2023.