A Facultade de Física e o IMATUS da USC promoven este encontro que se desenvolveRÁ na Facultade de Óptica e Optometría

O 3º Obradoiro de Nanopartículas Magnéticas e Hipertermia: Anisotropía e outras aventuras (NANOMAHEAT, polas súas siglas en inglés), desenvolverase do 19 ao 21 de abril na Facultade de Óptima e Optometría da USC.
Promovido pola Facultade de Física e o IMATUS da USC e coordinado polos investigadores David Serantes (USC) e Roy Chantrell (Universidade de York), reunirá en Santiago voces expertas de diferentes disciplinas e procedencias nunha discusión sobre aspectos específicos no eido da hipertermia con nanopartículas magnéticas, campo de investigación que versa no quecemento con nanoimáns. A hipertermia ten aplicacións moi prometedoras en biomedicina (tratamento de cancro, liberación controlada de fármacos, ou criopreservación de órganos), pero tamén noutros outros ámbitos como a catálise. Así, os relatorios de investigación incluirán sesións específicas dedicadas a como determinar o rendemento de calefacción; á existencia/función da calefacción local; ou ao papel da evolución dinámica do coloide magnético baixo o campo CA.
Aínda que o obradoiro consistirá principalmente en charlas de relatoras/es convidadas/os, haberá unha sesión de pósters na que se animará especialmente ao estudantado a presentar os seus traballos.
Ademais, o encontro destinará media xornada ás titorías no campo da anisotropía magnética, dada a súa importancia preponderante nos mecanismos de disipación de calor, e abordará aspectos que inclúen os fundamentos da anisotropía, o papel das dimensións a nanoescala, a determinación e a relevancia para campos relacionados.
Pódese atopar máis información sobre o encontro na web oficial do evento.