Skip to main content

Acto de ingreso de Inmaculada Tomás na Academia de Ciencias Odontolóxicas de España

04.14.2023 | 19.00h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Inmaculada Tomás será a primeira muller odontóloga que tome posesión como numeraria na Academia Nacional de Ciencias Odontolóxicas

Inmaculada Tomás será a primeira muller odontóloga que tome posesión como numeraria na Academia Nacional de Ciencias Odontolóxicas. FOTO: Santi Alvite
Inmaculada Tomás será a primeira muller odontóloga que tome posesión como numeraria na Academia Nacional de Ciencias Odontolóxicas. FOTO: Santi Alvite

A catedrática da área de Estomatoloxía no Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas da USC, Inmaculada Tomás, converterase na primeira muller odontóloga en España que tome posesión como numeraria 16 na Academia Nacional de Ciencias Odontolóxicas. O acto desenvolverase no Salón Nobre do Colexio de Fonseca este venres 14 de abril e nel tomarán parte o reitor da USC, Antonio López; o presidente da Academia das Ciencias Odontolóxicas de España, Antonio Bascones Martínez; e os académicos Andrés Blanco Carrión, David Suárez Quintanilla, Juan Manuel Seoane e Ángela Aneiros Ardau. 

Inmaculada Tomás

A profesora Tomás foi, entre os anos 2011 e 2014, membro do equipo decanal da Facultade de Medicina e Odontoloxía, en calidade de vicedecana de Odontoloxía. Na actualidade, é coordinadora da Unidade Clínica e de Investigación en Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais e coordinadora do grupo de investigación ‘Oral Sciences Research Group’ da USC, pertencente á Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS). Inmaculada Tomás tamén é investigadora colaboradora en institucións internacionais como o Eastman Dental Institute, Queen Mary University of London e King’s College London.

Editora asociada de varias revistas científicas JCR de alto impacto, a profesora recibiu numerosos premios de investigación outorgados por sociedades científicas internacionais ou estatais, así como por entidades públicas e privadas. Alberga tres patentes con rexistro estatal e participou en 25 proxectos, tanto competitivos de I+D+i de índole estatal (financiados polo Instituto de Saúde Carlos III) e rexional, como contratos con empresas internacionais do sector biomédico como Johnson and Johnson e Lacer. En quince destas actividades foi investigadora principal, das cales oito son proxectos competitivos e sete, contratos con empresas.

Inmaculada Tomás é autora do libro de referencia na materia Odontoloxía en Pacientes con Necesidades Especiais, publicado en 2022, e participou na elaboración de máis de 110 publicacións en revistas con índice de impacto, máis de 25 capítulos de libros e ten dirixido 17 teses de doutoramento, oito das cales recibiron o Premio Extraordinario de Doutoramento en Ciencias da Saúde na USC. 

O grupo de investigación que lidera, ‘Oral Sciences Research Group’ na USC e o FIDIS, está centrado actualmente no entendemento e diagnóstico das enfermidades orais humanas mediante a aplicación e desenvolvemento de técnicas bioinformáticas en tecnoloxías ómicas; así como no diagnóstico odontolóxico sobre imaxes da cavidade oral mediante a aplicación e desenvolvemento de técnicas de intelixencia artificial.

 

The contents of this page were updated on 04.12.2023.