Skip to main content

I Xornadas de IAprendizaxe

04.19.2023-04.20.2023 | 16.30h-20.00h

Santiago de Compostela

A ETSE acolle os días 19 e 20 de abril un encontro no que o alumnado da USC e figuras expertas nas Ciencias da Computación e a Tecnoloxía abrirán un espazo de reflexión e aprendizaxe arredor da IA

Cartel das 'I Xornadas de IAprendizaxe'
Cartel das 'I Xornadas de IAprendizaxe'

Alumnado dos Graos de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática da USC pon en marcha, co apoio da ETSE e do CiTIUS, a primeira edición das 'Xornadas de IAprendizaxe' un encontro para a difusión do traballo investigador que se desenvolve en materia de intelixencia artificial. 

Judit González e Mateo Bodenlle organizan este foro que se desenvolverá os días 19 e 20 de abril na Escola Técnica Superior da Enxeñaría da USC. O evento inclúe un programa de conferencias con figuras expertas nas Ciencias da Computación e a Tecnoloxía que afondarán na aproximación interdisciplinar e experimental da IA, no seu papel na estética e nas artes, no ámbito médico e no eido da antropoloxía forense, así como na enxeñaría de datos, na xeración de negocio, ou nos retos técnicos, éticos, legais, culturais e socio-económicos cara ao desenvolvemento dunha IA fiable. 

Alejandro Catalá, profesor axudante doutor en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC, abrirá o mércores 19 de abril ás 16.30 horas un amplo programa de conferencias, que continuará ao longo da tarde coas intervencións de María Bobillo, directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación en Amtega; Juan Jesús Romero Cardalda, fundador e  PhotoIlike.com e profesor asociado en Ciencias da Computación no CITIC da Universidade da Coruña; e Marta Nuñez,  investigadora posdoutoral do CiTIUS especializada en procesamento da imaxe médica. 

A segunda sesión das Xornadas comezará o xoves 20 de abril ás 12.30 horas coa participación de José Mª Alonso, profesor en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC; ao que seguirán Aldán Creo, investigador de NLP no CiTIUS e desenvolvedor de software; Óscar Cordón, catedrático e integrante do departamento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Granada; Senén Barro, director do CiTIUS; e Noemí Rodríguez, directora executiva e cofundadora de Himikode | FoodTech. 

O encontro inclúe, ademais, un certame de disertacións filosóficas sobre IA aberto a todo o estudantado da universidade. Alén do recoñecemento da comunidade académica e da oportunidade de compartir as súas reflexións coas persoas asitentes,  as y os responsables dos mellores ensaios poderán obterán premios a en metálico por valor de 250 €, 125 € e 75 € para as propostas clasificadas en primeiro, segundo e terceiro lugar, respectivamente. 

Esta primeira edición das Xornadas de IAprendizaxe conta con financiamento da vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC. 

Máis información, na web do evento.

 

 

The contents of this page were updated on 04.20.2023.