A USC exerce como entidade anfitrioa deste encontro internacional

O II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC terá lugar en Santiago de Compostela os días 4 e 5 de maio de 2023 e congregará na cidade participantes procedentes de universidades latinoamericanas, caribeñas e europeas, así como autoridades institucionais e políticas de ambas as rexións e representantes da sociedade civil. A súa celebración dá continuidade ao proceso de diálogo aberto para a construción dun espazo birrexional en educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación que se iniciou no I Cumio celebrado no Salvador no ano 2017.
A inauguración do evento terá lugar ás 09.00 horas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e contará coas intervencións do reitor da USC Antonio López; do director coordinador do Espazo Iberoamericano do Coñecemento na SEGIB, Félix García Lausin; do director Executivo da Fundación EU-LAC, Adrián Bonilla Soria; do alcalde de Santiago Xosé A. Sánchez Bugallo; da subdirectora xeral de Educación da UNESCO Stefania Giannini; do presidente da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC), Ralph Gonsalves e do presidente da Xunta Alfonso Rueda.
O acto poderá seguirse en directo na canle de YouTube da USC.
O obxectivo principal do II Cumio UE-CELAC é impulsar a construción dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación, a través da xeración de coñecemento, o deseño de liñas comúns de acción, o establecemento de alianzas e de capacidades de promoción estables, a integración e a cooperación estratéxica birrexional, todo iso nun contexto de transformación da educación superior, contribuíndo así ao desenvolvemento do Plan de Acción UE-CELAC acordado polo Cumio de Xefes de Estado e de Goberno celebrado en Bruxelas en 2015.
A USC exerce como entidade anfitrioa deste encontro organizado en colaboración coa Xunta de Galicia, as Universidades da Coruña e Vigo, a Secretaría Xeral Iberoamericana, o Consello Universitario UE-CELAC, a Universidade do Salvador, o Consello Superior Universitario Centroamericano, a Unión de Universidades de América Latina e o Caribe, a Asociación de Universidades Grupo Montevideo, o Comité Executivo do Espazo Latinoamericano e Caribeño de Educación Superior, a Asociación Europea de Universidades, a Fundación EULAC, as Universidades do Caribe, a CRUE e o Consello de Reitores das Universidades Portuguesas.
Obxectivos específicos
Como os seus albos principais, este encontro procura deseñar estratexias e instrumentos que promovan a creación dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación e o intercambio do coñecemento; incidir na formulación de políticas públicas, plans e programas nacionais a través da creación de espazos de discusión, da elaboración de propostas con base científica e da vinculación da academia coa contorna; e orientar a acción académica e a xeración do coñecemento cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.
O Cumio estrutúrase en relatorios maxistrais e mesas redondas, organizadas en sesións plenarias e sesións temáticas paralelas que virarán ao redor de tres eixos temáticos: a transformación dixital da educación superior; o coñecemento para o desenvolvemento e a sustentabilidade e a cooperación académica.