Skip to main content

O congreso de referencia mundial en transmisión de potencia sen fíos concede o premio ‘Excellent paper’ a un traballo da USC

Javier Fernández Lozano, investigador predoutoral do CiTIUS, posa co galardón ás portas do centro. FOTO: Andrés Ruiz
Javier Fernández Lozano, investigador predoutoral do CiTIUS, posa co galardón ás portas do centro. FOTO: Andrés Ruiz
O investigador predoutoral do CiTIUS Javier Fernández Lozano recolleu en Yokohama (Xapón) o ‘Paper Award’ da conferencia OWPT 2023, un encontro que contou coa presenza dos maiores expertos globais no campo
Santiago de Compostela

O Congreso Internacional sobre Transmisión de Potencia por Fibra Óptica e Sen Fios (OWPT2023) acaba de distinguir un traballo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) co ‘Paper Award’ da súa 5.ª Edición. Esta é unha conferencia pioneira e considerada como o encontro científico de referencia global na transmisión de potencia láser, como demostra cada ano a presenza dos maiores expertos mundiais na área. “A transmisión óptica sen fíos de enerxía consiste, en poucas palabras, en enviar enerxía a un receptor fotovoltaico a través dun láser”, conta o primeiro autor, Javier Fernández Lozano. “Neste traballo, fomos quen de mellorar un 20% a eficiencia destes receptores, propoñendo novos materiais na súa construción”, explica o investigador.

No artigo premiado, o equipo do CiTIUS modelizou e optimizou un tipo de receptores fotovoltaicos baseados na arquitectura VEHSA (a máis avanzada na actualidade), propoñendo como novidade o uso de novos materiais, como o carburo de silicio. “Con iso, non só conseguimos ampliar notablemente a eficiencia dos nosos dispositivos, senón que podemos converter potencias de láser moito maiores”, engade. O investigador predoutoral do CiTIUS destaca que estes resultados “abren o camiño cara a unha nova xeración de conversores de potencia láser ultras eficientes”.

Respecto ao galardón, o doutorando recoñece que foi “un boost de motivación”. “Neste congreso estaban presentes todos os pesos pesados do noso campo, así que decidimos enviar algo con moito sustento… unha síntese do extenso traballo que vimos desenvolvendo ao longo dos últimos dous anos”, continúa. O labor chamou a atención dos responsables do congreso, que comunicaron a súa decisión dando os seus parabéns aos autores, “tras unha rigorosa revisión por parte do Comité do Programa OWPT2023”. No traballo participaron tamén os investigadores do centro Natalia Seoane, Antonio García-Loureiro e Enrique Comesaña. “O premio é un recoñecemento de que o camiño que eliximos ten futuro, e ademais percorrémolo con bo criterio», sinala Javier. «En resumidas contas, recibín o mellor antídoto para a eterna síndrome do impostor predoutoral”, conclúe.

The contents of this page were updated on 05.04.2023.