Skip to main content

ReguNET procurará novos fármacos contra o cancro, trastornos neurolóxicos ou afeccións hepáticas e infecciosas

Imaxe de arquivo dun laboratorio do CiMUS. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun laboratorio do CiMUS. FOTO: Santi Alvite
Liderada dende o CiMUS da USC, esta rede constitúe unha iniciativa pioneira en formación científica que financiará, con cerca de tres millóns de euros durante catro anos, os proxectos de once estudantes de doutoramento de España, Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido e Países Baixos
Santiago de Compostela

Identificar novos obxectivos farmacolóxicos en enfermidades intratables como certos cancros, trastornos neurolóxicos, hepáticos ou enfermidades infecciosas é a finalidade da rede de doutoramento Marie Sklodowska-Curie ‘RBP ReguNET: deconstrucción e recableado de redes reguladoras de ARNS-RBP’. Trátase dun consorcio europeo, coordinado dende o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) por Ashwin Woodhoo, investigador distinguido contratado a través do programa Oportunius da Xunta de Galicia. A rede persegue aproveitar os novos descubrimentos en bioloxía da proteína de unión ao ARN (RBP) para tentar achar novas vías terapéuticas.

Un total de once estudantes de doutoramento de diferentes países de Europa (España, Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido e Países Baixos) foron seleccionados para comezar o desenvolvemento dos seus proxectos o próximo mes de setembro nos diferentes centros de traballo. Universidades, institutos singulares de investigación ou empresas de alto perfil científico-tecnolóxico darán cobertura, durante catro anos, ao desenvolvemento integral dos proxectos, tanto dende o punto de vista teórico como práctico e cun enfoque interdisciplinario que abarca dende a bioloxía computacional, estrutural, molecular e celular ata a química médica e detección farmacolóxica. “Trátase dun programa moi completo que busca proporcionar unha capacitación científica avanzada que dea lugar a un ecosistema da nova xeración de persoal investigador en Europa”, sinala o coordinador da rede, Ashwin Woodhoo.

Tamén dende este centro singular da USC coordinarase o proxecto sobre a enfermidade hepática colestásica por parte de Marta Varela Rey, investigadora distinguida Sergio Vidal. O liderado compostelán complementarase ademais coas achegas da directora do CiMUS, Mabel Louza, a través da Fundación Kaertor.

Ademais da USC, outras oito universidades e centros de investigación pioneiros en Europa están representados en RBP ReguNET: o Centro de Regulación Xenómica, de España, o Instituto Curie (Francia), o Instituto Sanquin (Países Baixos), a Universidade de Glasgow (reino Unido), o EMBL (Alemaña), as universidades italianas de Trento e Milán e a empresa biotecnolóxica INMAGINA SRL de Italia.

De esquerda a dereita, Mabel Loza, Marta Varela Rey e Ashwin Woodhoo
De esquerda a dereita, Mabel Loza, Marta Varela Rey e Ashwin Woodhoo
The contents of this page were updated on 05.05.2023.