Dirixidas a investigadores/as profesionais do ensino, familias e toda a comunidade interesados en abordar unha temática que resulta clave na actualidade, as prácticas en redes sociais na configuración de subxectividades e identidades de xénero.

O 13 e 14 de xullo terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) as 'Xornadas Internacionais EDIGA: Xénero, contornas dixitais e adolescencia'.
Estas Xornadas enmárcanse no proxecto EDIGA “Contornas Dixitais e Identidades de Xénero na Adolescencia” financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. O seu propósito é analizar e comprender o papel das contornas dixitais no proceso de construción das identidades de xénero na adolescencia en diferentes contextos socioculturais (España, México e Uruguai).
As Xornadas abordan as prácticas en redes sociais na configuración de subxectividades e identidades de xénero. Teñen como obxectivo analizar as características destas prácticas na súa relación coas arquitecturas das plataformas dixitais que as posibilitan, limitan ou estimulan as mesmas. Preténdese crear un espazo para compartir, aprender e dialogar sobre estas cuestións, con relatorios, obradoiros e mesas redondas para obter unha panorámica do estado da cuestión, das preocupacións, retos de futuro e implicacións no campo educativo.
