O encontro xorde co obxectivo de fomentar a colaboración científica de investigadores posdoutorais do IAQUS, mediante a posta en marcha de pequenos proxectos de I+D

O I Seminario para Investigadores Mozos da agrupación IAQUS terá lugar o venres 16 de xuño no salón de actos do Instituto de Acuicultura. Este evento desenvólvese co obxectivo de fomentar a colaboración científica entre os investigadores posdoutorais da agrupación mediante a posta en marcha de pequenos proxectos colaborativos de I+D.
O IAQUS congrega investigadores en Acuicultura, Investigación Animal e Análise Química e Biolóxica que centran a súa actividade investigadora no estudo do medio acuático, mariño e continental, abordado desde tres eixos: a súa sustentabilidade como ecosistema, a súa interacción cos seres vivos que o ocupan, tanto no ámbito natural como na acuicultura, e a súa relación coa saúde dos cidadáns. Todo iso mediante un enfoque multidisciplinar, baseado no desenvolvemento e aplicación de ferramentas químicas, xenómicas e biotecnolóxicas.
O acto de benvida terá lugar ás 10.00 horas e contará coa presenza do director da Agrupación, Carlos Pereira. Os participantes exporán as súas investigacións e intereses mediante unha exposición oral. Unha vez rematada a intervención de todos os participantes, comezará unha mesa redonda, que facilitará o debate de ideas, da que xurdirán oportunidades de colaboración, plasmadas como pequenos proxectos multidisciplinares entre diferentes ámbitos do coñecemento, que serán financiados poola Agrupación dentro do Programa de Apoio aos Centros e Institutos Universitarios de Investigación en proceso de reformulación, rexistro e/ou acreditación autonómica da Universidade de Santiago de Compostela.