Skip to main content

A Cátedra Cruz Roja USC impulsa dous certames centrados na calidade de vida das persoas maiores

A Cátedra Cruz Roja USC organiza certames para dar visibilidade á calidade de vida das persoas maiores. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra Cruz Roja USC organiza certames para dar visibilidade á calidade de vida das persoas maiores. FOTO: Santi Alvite
Trátase da segunda edición do premio a Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado, así como un certame de fotografía dirixido ao conxunto da comunidade universitaria de Galicia
Santiago de Compostela

A Cátedra Cruz Roja USC convoca dous certames dirixidos á comunidade universitaria: por unha banda, a segunda edición do premio a Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Mestrado (TFM); así como un certame de fotografía que se desenvolve baixo o lema ‘Solidariedade interxeracional: apoios e coidados para a mellora da calidade de vida’.

O alumnado que defenda o seu TFG ou TFM no curso académico 2022/ 2023 e cuxa temática xire arredor da calidade de vida das persoas maiores poderá optar a un premio de 300 euros, no caso dos TFG, ou de 500, para os TFM. O prazo para participar esténdese ata o 9 de outubro de 2023, de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.  

A Cátedra Cruz Roja USC, a través da Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da USC, convoca tamén a primeira edición do concurso de fotografía que ten como obxectivo sensibilizar a comunidade universitaria da importancia de crear espazos nos que as persoas maiores poidan prestar e recibir coidados empregando como instrumento básico a imaxe en formato de fotografía. Este certame vai dirixido a calquera persoa que pertenza á comunidade universitaria das tres universidades públicas de Galicia e presente unha fotografía relacionada con situacións nas que unha ou varias persoas maiores e unha ou varias persoas de calquera outra xeración se ven implicadas conxuntamente nunha acción de recibir ou prestar axuda ou apoio en calquera das súas formas e en calquera ámbito ou situación da vida. O primeiro premio estará dotado con 600 euros e o segundo con 400. O prazo para presentar candidaturas esténdese ata o 31 de xullo.
 

The contents of this page were updated on 06.14.2023.