Skip to main content

Os Encontros Virtuais na Zona USC desenvolveranse do 16 ao 21 de xuño

Os Encontros Virtuais chegan á súa cuarta edición. Imaxe de arquivo de alumnado preuniversitario durante as pasadas ABAU. FOTO: Santi Alvite
Os Encontros Virtuais chegan á súa cuarta edición. Imaxe de arquivo de alumnado preuniversitario durante as pasadas ABAU. FOTO: Santi Alvite
Na pasada edición rexistráronse arredor de 7.000 conexións nas que o alumnado preuniversitario, a través de videoconferencias, puido resolver as súas dúbidas sobre a oferta docente e de servizos da USC
Lugo, Santiago de Compostela

A cuarta edición dos Encontros Virtuais na Zona USC desenvolverase do 16 ao 21 de xuño para que o alumnado preuniversitario poida resolver, a través de diversas videoconferencias, todas as súas dúbidas sobre a oferta docente e de servizos da Universidade. Esta iniciativa botou a andar no ano 2020 por mor da pandemia que, naquela altura, impedía a realización de visitas presenciais do futuro estudantado. Logo do éxito acadado, dende o Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC optaron por seguir organizando estes Encontros cunha periodicidade anual. Así, tal e como lembra o delegado do reitor para Ensino Medio, Celso Rodríguez, “na pasada edición rexistráronse arredor de 7.000 conexións e agardamos que este ano o nivel de participación se manteña”. 

Todas as persoas que así o desexen poden acceder á web dos Encontros e premer sobre as titulacións que máis lles interesen. Unha vez dentro, atoparán o horario establecido para as videoconferencias ás que poderán conectarse de balde e nas que persoal do centro en cuestión atenderá todas as cuestións formuladas. Ademais, dentro de cada área de coñecemento, pode accederse a información xenérica sobre as titulacións que abarca cada eido. 

“Para que poidan mergullarse neste pequeno cosmos universitario, nestas xornadas poderán preguntar directamente todo o que precisen sobre a vida na nosa universidade”, apuntan dende a organización. Ademais, o estudantado participante pode conectarse en liña co Servizo Universitario de Residencias, a Área de Cultura ou o Servizo de Deportes, entre outros, onde tamén serán respondidas as súas dúbidas, alén de poder visualizar material audiovisual que complemente a información ofrecida por videoconferencia. 
 

The contents of this page were updated on 06.15.2023.