Skip to main content

José Manuel González obtén o premio Lilly de investigación

A tese de José Manuel González céntrase no desenvolvemento de novas reaccións químicas que permitan a síntese química de heterociclos nitroxenados de forma enantioselectiva
A tese de José Manuel González céntrase no desenvolvemento de novas reaccións químicas que permitan a síntese química de heterociclos nitroxenados de forma enantioselectiva
O investigador desenvolve a súa tese baixo a supervisión dos profesores José Luis Mascareñas e Moisés Gulías no CiQUS
Santiago de Compostela

José Manuel González González, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) acaba de ser galardoado no marco dos premios de investigación para alumnado de doutoramento que outorga a Real Sociedade Española de Química (RSEQ) e a farmacéutica Lilly. O investigador do CiQUS leva a cabo a súa tese de doutoramento baixo a supervisión dos profesores José Luis Mascareñas e Moisés Gulías.

A tese de José Manuel González céntrase no desenvolvemento de novas reaccións químicas que permitan a síntese química de heterociclos nitroxenados de forma enantioselectiva.  Os heterociclos nitroxenados, compostos en forma de anel que inclúen átomos de nitróxeno, constitúen un dos elementos principais na estrutura molecular de moitos fármacos e moléculas bioactivas. Moitos destes compostos presentan quiralidade, de modo que existen en dúas formas enantioméricas, é dicir, como dúas imaxes especulares. Con todo, resulta habitual que só una destas formas enantioméricas posúa a actividade biolóxica desexada. Acceder de forma selectiva a un destes enantiómeros representa un gran reto científico, e normalmente precisa moitas etapas sintéticas para conseguilo.

Os métodos de sínteses que desenvolve José Manuel González no grupo MetBioCat "baséanse na activación catalítica de ligazóns carbono-hidróxeno, as cales son moi inertes quimicamente e, ademais, son as ligazóns máis abundantes das moléculas orgánicas, e por tanto da natureza. Estes métodos representan unha maneira directa, eficiente e respectuosa co medio ambiente" explica o investigador. Utilizando catalizadores de paladio, no laboratorio conseguiron desenvolver un método para a construción de esqueletos de tetrahidropiridina quirais, así como unha metodoloxía nova para a formación de benzazepinas, unha molécula bioactiva de grande interese.

Xunto ao investigador do CiQUS, resultaron premiados tamén Wei Wen Chen Chen, do Institut Químic de Sarrià (IQS-URL) e o Institut de Química Avançada de Catalunya (IQAC-CSIC) e Roberto do Río Rodríguez, da Universidade Autónoma de Madrid. Enfocadas na área química da metodoloxía sintética, as tres teses buscan desenvolver ferramentas para transformar as ligazóns químicas e lograr que estes sexan máis sostibles, un aspecto imprescindible no deseño de novos fármacos. Para todos eles, o premio supón un respaldo e recoñecemento ao traballo de investigación realizado durante anos xunto cos seus colaboradores e directores de teses.

Máis premiados no CiQUS

Con este, son xa nove os galardóns que recibiu o CiQUS nos premios Lilly de Investigación. En anteriores edicións foron recoñecidas Soraya Learte (2021), Eva Rivera (2021), Noelia Casanova (2017), Andrés Seoane (2015), Mateo Sánchez (2014), Isaac Alonso (2013), Lorena Tizón (2012) e Olalla Vázquez (2010). Convocados anualmente, estes premios recoñecen os logros de estudantes que están a cursar a súa tese doutoral nas áreas de Química e Química Farmacéutica. Cada gañador recibe un apoio económico de 2.000 euros. 

Antonio Echavarren, presidente da RSEQ, explica que, co tempo, moitos dos investigadores galardoados nestes premios lograron ser amplamente recoñecidos no mundo científico. “Por iso, queda demostrado que apoiar o labor investigador dende os niveis máis temperáns é un gran método para motivar os mozos científicos do noso país e alcanzar un nivel excelente na química española”. Á súa vez, María José Lallena, directora do Centro de Investigación e Desenvolvemento de Lilly en España, indica que “este tipo de premios contribúen ao desenvolvemento do talento científico, algo indispensable se queremos seguir avanzando nunha investigación preclínica que culmine no descubrimento e desenvolvemento de novas alternativas terapéuticas innovadoras para os pacientes”.

The contents of this page were updated on 06.15.2023.