Skip to main content

O premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia distingue o impulsor do Camiño Torres, Luis Antonio Miguel Quintales

Miguel Quintales é un actor fundamental na recuperación dos itinerarios xacobeos caídos no esquecemento
Miguel Quintales é un actor fundamental na recuperación dos itinerarios xacobeos caídos no esquecemento
O xurado destacou no seu ditame que o catedrático da Universidade de Salamanca é unha figura clave na posta en valor desta ruta que recupera o percorrido realizado en 1737 polo erudito Diego de Torres Villarroel na súa peregrinación a Compostela
Santiago de Compostela

O xurado da edición vixésimo sétima do premio internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia, no que participa a USC, recoñece os méritos do catedrático da Universidade de Salamanca Luis Antonio Miguel Quintales como figura clave na “posta en valor do Camiño Torres”, unha ruta que recupera o percorrido realizado en 1737 polo erudito Diego de Torres Villarroel na súa peregrinación a Compostela. Os integrantes deste órgano destacaron tamén a súa contribución á recuperación e transmisión dos “itinerarios do Camiño de Santiago que quedaran esquecidos”.

Tras comunicarlle a decisión, o premiado sinalou que “este recoñecemento representa un fito significativo” na súa traxectoria persoal, así como que o “enche de gratitude e emoción” saber que os seus esforzos son distinguidos deste xeito. “Ver os meus labores de creación e divulgación do Camiño Torres valorados por un xurado dun premio tan prestixioso é unha honra incomparable”, engadiu.

Miguel Quintales recibirá un premio en metálico de 6.000 euros e a cuncha de ouro, emblema do Grupo Compostela de Universidades (GCU), na cerimonia de entrega do galardón que terá lugar o 21 de setembro dentro do programa da vixésimo novena asemblea xeral do GCU, que organiza a Universidade de Sevilla.

Perfil do galardoado

Luis Antonio Miguel Quintales, nado na cidade española de Salamanca en 1962, é catedrático do departamento de Informática e Automática na Universidade de Salamanca. O seu labor docente e investigador céntrase nas áreas da Bioinformática e a Xenómica Computacional, eidos sobre os que publicou en destacadas revistas destes campos científicos. Ademais, sobresae pola súa achega ao estudo e divulgación dos camiños históricos e xacobeos, mediante publicacións como Ruta del Camino Fonseca. De Salamanca a Santiago de Compostela, unha das primeiras guías sobre o tramo da Vía da Prata que une a capital da provincia homónima coa galega.

Igualmente, Miguel Quintales é un actor fundamental na recuperación dos itinerarios xacobeos caídos no esquecemento, en concreto, do Camiño Torres. Un percorrido retomado tras un traballo de cartografía, xeorreferenciación, fotografía e documentación. Para darlle difusión naceu en 2011 a páxina web do Camiño de Torres, que permitiu a numerosos peregrinos e ciclistas seguir os pasos de Diego de Torres Villarroel, a través de España e Portugal. Esta ruta obtivo o apoio institucional dos municipios que atravesa e da Asociación de Antigos Alumnos da Universidade de Salamanca. Miguel Quintales tamén é técnico de sendeiros da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada e colabora coa revista Grandes Espacios, especializada en actividades que se practican na natureza.

O xurado

A reunión en liña do xurado contou coa participación do reitor da USC, Antonio López,  o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia José Alberto Díez de Castro, en delegación do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski; o reitor da Universidade Politécnica de Madrid, Guillermo Cisneros; o reitor da Universidad Peruana de Ciencias Aplicadas, Edward Roekaert; e a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, María Teresa Carballeira Rivera. Ocupa a presidencia honorífica do xurado o xefe do executivo galego, Alfonso Rueda.

Edicións anteriores

Dende a súa primeira convocatoria en 1997, este galardón foi outorgado a personalidades como Javier Solana de Madariaga (2021), Marcelino Oreja Aguirre (2017), Neelie Kroes (2011), Mohamed ElBaradei (2010), Carla del Ponte (2001), Václav Havel (1998) ou Jacques Santer (1997). Ademais de distinguir o labor desenvolvido por institucións como o programa Erasmus (2015), a institución académica Colexio de Europa (2012), a canle de televisión Arte (2008) ou a iniciativa Helsinki Group of Women and Science (2006).

The contents of this page were updated on 06.23.2023.