A conferencia corre a cargo de Roxana Portugal, profesional con experiencia en Enxeñaría de Software

Os medios de comunicación locais enfróntanse a problemas económicos cada vez máis graves. Neste contexto, as aplicacións de intelixencia artificial poden brindar apoio ás redaccións de noticias locais na investigación, creación e distribución de noticias. Con todo, é importante ter en conta que, por motivos de responsabilidade social, estas aplicacións non só deben buscar aumentar a eficiencia económica, senón tamén contribuír ao papel democrático dos medios de comunicación locais na sociedade. Para logralo, é fundamental que as aplicacións de intelixencia artificial respecten os valores profesionais e os estándares éticos establecidos no xornalismo.
Neste contexto, o relatorio que Roxana Portugal imparte este xoves 6, ás 12.00 horas, no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), describe o traballo que se está levando a cabo no Departamento de Medios e Comunicación da Universidade LMU de Munich, coa colaboración dun equipo internacional e interdisciplinario. O evento pode seguirse en liña a través de Teams.
Sobre a relatora
Roxana Portugal é unha profesional con experiencia en Enxeñería de Software. Ao longo dos seus 15 anos de carreira, adquiriu unha ampla experiencia tanto na industria como no ámbito académico, o que lle permitiu enfrontar os desafíos inherentes ao proceso de produción de software. A través desta experiencia de primeira man, desenvolveu unha especialización en Enxeñaría de Requisitos no Departamento de Informática da PUC-Rio de Brasil e na Universidade de York en Canadá.