Skip to main content

Inauguración da 13ª edición da Escola de Educación Matemática 'Miguel de Guzmán'

07.06.2023 | 09.30h

Baixo o lema 'A inclusión e a igualdade son símbolos matemáticos', os participantes analizarán a situación da educación matemática dende a perspectiva da inclusión

Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Matemáticas. FOTO: Santi Alvite

A Facultade de Matemáticas da USC acolle a 13ª edición da Escola de Educación Matemática 'Miguel de Guzmán', convocada conxuntamente pola Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) e pola Real Sociedad Matemática Española (RSME). Esta actividade contará coa participación duns sesenta docentes de todas as comunidades autónomas e todos os niveis educativos.

Baixo o lema 'A inclusión e a igualdade son símbolos matemáticos', os participantes analizarán a situación da educación matemática dende a perspectiva da inclusión, tentando dar resposta a preguntas como se é posible deseñar propostas matemáticas que atendan por igual a todas as persoas, que características deben ter esas propostas ou actividades, que formación adicional precisa o profesorado ou que recursos se necesitan para facelo viable en todos os centros educativos.

O programa desta XIII Escola de Educación Matemática 'Miguel de Guzmán' estrutúrase en cinco sesión que inclúen seis conferencias plenarias centradas principalmente no tratamento da diversidade na aula de matemáticas e no deseño de actividades que permitan desenvolver as capacidades e o talento matemático de todo o alumnado; seis obradoiros centrados na mesma temática entre os que se inclúe un paseo matemático pola cidade de Compostela, e unha mesa redonda sobre 'A igualdade e a inclusión na aula de Matemáticas'. 

O acto inaugural, que terá lugar este xoves 6 ás 9.30 horas, estará presidido pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, a quen acompañarán o presidente da FESPM, Julio Rodríguez Taboada, e a vicepresidenta primeira da RSME, Victoria Otero Espinar.
 

The contents of this page were updated on 07.05.2023.