Salón de Actos
O programa, coma en anteriores edicións, permitiu que o alumnado gozase dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia

O salón de actos da Facultade de Filosofía acolle este luns 24 de xullo, a partir das 11.30 horas, a clausura dos cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’, nun acto institucional que estará presidido polo reitor Antonio López. Na sesión tamén participarán o profesor da USC e director dos cursos, Henrique Monteagudo; a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
USC e Real Academia Galega retomaron este ano académico a celebración dos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ tras a interrupción desta actividade por mor da pandemia. Os cursos desenvólvense na actualidade co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Dende a súa posta en marcha en 1988, polas súas aulas pasaron preto de 3000 estudantes de múltiples nacionalidades co interese común de coñeceren o idioma e a cultura de noso. Este punto de encontro funcionou dende o principio como un espazo de proxección exterior de Galicia: boa parte das persoas estranxeiras e doutras comunidades autónomas que hoxe se dedican, dende distintos lugares do mundo, a traducir a literatura galega a outras lingua e a ensinaren o galego en universidades europeas, americanas ou asiáticas foron antes alumnas e alumnos deste programa.
O programa, coma en anteriores edicións, permitiu que o alumnado gozase dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia, alén de asistir a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen ás persoas asistentes unha aproximación á realidade do país dende distintas perspectivas, dende a literaria, lingüística e musical á artística e paisaxística.