A Orquestra da Universidade culmina o seu Programa de Verán 2023 cun ensaio aberto e un concerto na Igrexa da Compañía

A Orquestra da Universidade de Santiago desenvolve entre o 31 de xullo e o 7 de agosto un proxecto educativo que, como ano tras ano, reunirá membros da propia formación e estudantes de música con certo nivel académico e profesorado de recoñecidas entidades e orquestras.
Con este encontro de verán preténdese mellorar os coñecementos, destrezas e experiencias do estudantado e compartilos coa cidadanía con dous concertos: un en Santiago, o sábado 5 de agosto, ás 19 horas na Igrexa da Compañía, e outro en Poio, o luns 7, ás 20.30 horas no porto de Raxó. Ambos os recitais teñen acceso de balde ata completar capacidade.
Ademais, o propio sábado día 5 en Compostela, as persoas que o desexen poderán achegarse ás 12.30 h á Igrexa da Universidade para asistir a un ensaio aberto ao público e descubrir de primeira man o traballo da OUSC e os pormenores da preparación dun concerto.
O programa do concerto, baixo a batuta do profesor Iago Lariño, arrincará coa Obertura Carnaval Romano de Héctor Berlioz, para seguir co Concerto para contrabaixo e orquestra nº2 de Giovanni Botessini con Dina Durán, integrante durante o presente curso da OUSC, como solista. Continuará coa interpretación das catro primeiras Danzas Eslavas do compositor Antonín Dvořák e rematará co intermedio da Voda de Luis Alonso, afamada partitura do xénero da zarzuela.
Na interpretación das pezas, o estudantado que integra a OUSC contará nesta ocasión co acompañamento de persoal docente. Así, poderemos escoitar a Xavier Fernández e Rosa Pampillo, aos violíns, a Blanca Bello, na viola, a Clara Martínez, no violonchelo, e a Iago Lariño na sección de ventos.