Skip to main content

ECAI, o congreso de Intelixencia artificial máis importante de Europa, fará 50 anos en Santiago de Compostela

O CiTIUS traballa xa na organización de ECAI 2024, o congreso sobre Intelixencia artificial máis importante de Europa. FOTO: Andrés Ruiz
O CiTIUS traballa xa na organización de ECAI 2024, o congreso sobre Intelixencia artificial máis importante de Europa. FOTO: Andrés Ruiz
O CiTIUS da USC acolle esta semana as reunións de lanzamento coas que arrinca a conta atrás para a realización deste evento en outubro de 2024
Santiago de Compostela

Nunha decisión sen precedentes, a Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) anunciaba hai apenas un ano que volvería realizar o seu congreso de referencia (ECAI ‘European Conference on Artificial Intelligence) nunha mesma sede, Santiago de Compostela. Facíao tras encomendar a súa organización ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) por segunda vez en catro anos, en recoñecemento ao éxito alcanzado na edición dixital ECAI 2020: un evento pioneiro na modalidade non presencial, creado en tempo récord pola pandemia da COVID-19, que contou con máis de 5.000 participantes de 120 países distintos, e no que se presentaron case 400 traballos de investigación.

Deste xeito, Santiago volverá ser o epicentro da Intelixencia Artificial en outubro de 2024. Un momento de excepcional importancia, ao coincidir no tempo co medio século de vida do congreso (organizado por primeira vez en 1974 no Reino Unido), e a previsible próxima aprobación do Regulamento en IA da Unión Europea, a primeira lei deste tipo a nivel mundial.

Espérase que ECAI 2024 reúna máis de 1.000 investigadores e investigadoras de todo o mundo, así como entidades, organizacións e empresas de ámbito global, que se darán cita en Santiago de Compostela para presentar e debater sobre os últimos avances científico-técnicos, o futuro da IA e as súas aplicacións. O evento será un acontecemento de extraordinario interese económico e social, e está promovido pola Asociación Europea para a Intelixencia Artificial (EurAI), que confiou a súa organización ao persoal investigador do CiTIUS.

Primeiros pasos

A organización do evento dá esta semana en Santiago os seus primeiros pasos coas visitas preliminares ás instalacións que albergarán o congreso e distintas reunións de lanzamento. Nelas participan os responsables de programa de ECAI 2024, Ulle Endriss (Universidade de Amsterdam, Países Baixos) e Francisco de Melo (Instituto Superior Técnico de Lisboa, Portugal); o responsable xeral da conferencia, Fredrik Heintz (Universidade de Linköping, Suecia); o presidente de EurAI, Carles Sierra (Institiuto de Investigación en IA, CSIC); e os presidentes do comité organizador, Senén Barro e Alberto Bugarín, os dous profesores da USC.

Os responsables da organización de ECAI 2024 en Santiago, quixeron destacar a importancia que ten para Santiago, a USC e o CiTIUS a reedición deste congreso con tan pouca distancia no tempo. Para Senén Barro, director científico do CiTIUS, “que o congreso máis importante de Europa en IA volva a Santiago, e ademais celebrando o seu medio século de vida, é un recoñecemento á nosa Universidade, e especificamente ao CiTIUS, como centro de investigación de referencia internacional en intelixencia artificial”. Unha visión compartida polo investigador do centro Alberto Bugarín, que puxo o foco no impacto que ECAI 2024 terá para a IA en Galicia e en España. “Acoller novamente ECAI en Santiago de Compostela dará aos estudantes e investigadores de IA, e tamén á sociedade en xeral, a oportunidade única de coñecer os avances máis recentes e, sobre todo, interactuar cos mellores profesionais da IA a nivel mundial”, afirmou. 

Pola súa parte, Carles Sierra, explicou as razóns polas que EurAI decidiu repetir este congreso en Santiago. “A pesar de todos problemas que houbo pola pandemia, a organización de ECAI 2020 foi absolutamente exemplar, fantástica”, asegurou. “Dende o punto de vista de EurAI , vendo o modo en que reaccionaron en tan pouco tempo para facer que fose un éxito, a verdade é que sabía moi mal que tanto esforzo organizativo non tivese o premio de que a xente viñese visitar Santiago”, sinalou. “Por iso, á primeira oportunidade que houbo, e dado o interese da organización, a Asemblea Xeral de EurAI decidiu de maneira unánime e por aclamación que se celebrase outra vez en Santiago, para que a cidade puidese lucir. E a verdade é que estivemos visitando os lugares onde se vai a facer, e as instalacións son fantásticas… Penso que vai ser un éxito de participación e estou seguro de que eles van facer un traballo impecable para facer de Santiago un escaparate da intelixencia artificial europea”, afirmou.

Pola súa banda, os responsables do programa quixeron poñer en valor tamén a relevancia social do congreso. Ulle Endriss reflexionaba sobre o que cambiou a Intelixencia artificial nestes 50 anos de historia de ECAI. “En 1974 a IA era moitísimo máis pequena, había moitas menos disciplinas, menos xente traballando nela… cambiou unha chea, e nos próximos anos, como mínimo, vai seguir cambiando moito. Algunhas cousas case podemos adiviñalas, pero da maioría delas non temos nin idea, nin sequera podemos imaxinalas. Coido que nos vai sorprender, como xa nos ten sorprendido no pasado, e estou desexando velo”, dixo. “Non se trata só de tecnoloxía: trátase tamén de xente, de ideas, de conectar coas ciencias sociais ou as humanidades… cousas que fan a IA moito máis emocionante, isto é moito máis que traballar con computadores”, razoou Endriss, engadindo que “dentro de 50 anos miraremos atrás e sorriremos, tal e como facemos agora cando pensamos na primeira edición de ECAI en 1974”, un encontro que se ten convertido xa en moito máis que un congreso científico, dada a crecente presenza de empresas, emprendedores, investidores e responsables políticos. 

Francisco Melo explicou que “os éxitos alcanzados pola Intelixencia artificial nos últimos anos atraeron a atención da sociedade, facendo este tipo de eventos máis atractivos para o público, cada vez máis consciente da súa importancia”. “As grandes compañías tecnolóxicas que teñen xa resultados de investigación moi importantes no terreo da IA, participan cada vez máis en congresos como ECAI, explica Melo. Para o investigador do Instituto Superior Técnico de Lisboa, “conferencias como estas son tamén unha oportunidade para que o sector privado dea a coñecer a investigación que se está desenvolvendo no seo das empresas, contribuíndo así ao desenvolvemento da Intelixencia artificial”. 
 

The contents of this page were updated on 09.05.2023.